Acompañado por Antía González Ben –Premio Extraordinario de Diplomatura da Comunidade Autónoma-, Nandi participou –durante toda a mañá do venres día 26- no Instituto Perdouro nun obradoiro de comunicación dirixido ao estudantado do segundo curso de Bacharelato, a quen presentou en idioma galego a realidade cultural e social do estado de Bengala e da República da India. Seguidamente, usando o inglés respostou aos mozos e mozas numerosas preguntas relacionadas co seu coñecemento da cultura e as tradicións galegas.
Durante a tarde coñeceu a infraestrutura cultural de Burela, entrevistándose con algúns dos seus protagonistas, entre outros con Roberto Bouça, profesor da Escola de Música e Director da Banda de Música de Burela e con Rosana Valle, presidenta do Colectivo Cultural Buril. Ás 20:00 horas asistiu ao acto de inauguración da exposición Galería Burela, onde departiu cos artistas presentes e aproveitou para saudar á presidenta da Asociación de Veciños, Teresa Pardo Correa. A responsable de O Vencello aproveitou para darlle a benvida á localidade, ao tempo que o felicitaba pola brillantez do seu uso lingüístico en idioma galego. Desexoso de coñecer máis en profundidade o ambiente da localidade, Nandi aínda se sentiu con forza para asistir á representación da peza teatral Shakespare para ignorantes, posta en escena por Quico Cadaval e o grupo Mofa&Befa. Os artistas, con quen mantivo un encontro, dedicáronlle a función.
Recepción no Concello
Ás 12:30 da mañá do sábado día 27, Änik Nandi foi recibido oficialmente pola corporación municipal de Burela. No acto, presidido polo alcalde, Alfredo Llano, participaron tamén Lucía Bouza, Neves Cando, Xosé González Legazpi, Luís Miguel Pedre e Matías Nicieza, que lle agradeceu as referencias á longametraxe Modelo Burela. Despois de degustar as delicias gastronómicas do Cantábrico, Änik Nandi coñeceu diversos puntos de interese turístico na compaña dunha comitiva encabezada por Xosé González Legazpi, concelleiro de Turismo.
Na recepción no Concello Nandi dixo que “penso que cada lingua ten o seu propio valor e que é un dos elementos máis definitorios da cultura dun pobo. Alén de principal mecanismo de comunicación entre as persoas, as linguas serven tamén para transmitir as emocións, as intencións e sobre todo os valores sociais, encontrándose por isto ligadas a procesos de construción de identidades colectivas. Consecuentemente, as linguas reflicten o núcleo cultural das comunidades que as falan. A través delas transmítense de xeración a xeración a memoria colectiva, as anécdotas, as tradicións, os mitos, os coñecementos e os valores máis profundos”.
Änik Nandi sinalou que “unha lingua serve para transmitir a cultura do pobo que a fala, mais tamén nos axuda aos que vimos de fóra a aproximarnos dun xeito máis profundo á cultura desta terra. Eu son dos que pensa que coñecer unha comunidade sen coñecer a súa lingua, é como coñecer unha persoa sen coñecer a súa alma”.