Site icon Crónica3.com A Mariña

O recorte en política social da Xunta repercutirá no reparto desigual do traballo, asegura o BNG

Nota de Prensa

O BNG denuncia que o recorte en política social da xunta vai repercutir no reparto desigual do traballo.

Nacionalistas e feministas coinciden en afirmar que a crise está a golpear con particular virulencia as mulleres.

O Bloque Nacionalista Galego e o Observatorio pola Igualdade da Mariña mantén na xornada de hoxe unha xuntanza na que se analiza a problemática de xénero na Comarca e de xeito moi particular como está afectar a crise ás mulleres. Nacionalistas e feministas coinciden en observar con preocupación que a crise se está a cebar particularmente cos colectivos que xa se atopaban máis precarizados laboralmente, situación que se dá no caso das mulleres, pola súa forte exposición no mercado de traballo ao sector servizos. Neste sentido conclúen que non é casual que nestes dous últimos anos está a afondarse a brecha da desigualdade salarial entre homes e mulleres así como o feito de que a destrucción de emprego sexa maior entre as últimas.

Iniciativa parlamentar para un Plano de emprego específico para as mulleres que garanta a igualdade no salario

Os nacionalistas fanlle chegar ao Observatorio as súas propostas en materia de emprego, enmarcadas na campaña que desenvolven de cara ao Día Internacional da Muller Traballadora, data que segundo os portavoces do BNG cobra máis importancia polo actual contexto económico. Tanto é así que os nacionalistas trasladan ao Observatorio a proposta que neste mes van levar ao Parlamento onde demandan un Plano de Emprego para as mulleres que garanta a igualdade real de salario, que recolla medidas específicas para atallar a discriminación no agro e no marisqueo e que implique o impulso de medidas activas de emprego.

A política privatizadora e esmagadora do PP en materia social prexudica a conciliación da vida familiar e laboral con especial incidencia nas mulleres polos roles adquiridos

O BNG e o Colectivo feminista mariñao comparten a súa preocupación polo que significa o recorte da Xunta en materia de políticas sociais, nomeadamente no campo dos servicios sociais, coa privatización de galescolas e centros de día e coa paralización da construcción e dotación deste tipo de infraestructuras. Na visión dos nacionalistas todas estas medidas van significar que as mulleres teñan que asumir traballos que nos roles tradicionais se lle viñan asignando, até o punto de que signifique duplicar a súa xornada laboral, e tamén o abandono do traballo por parte das mesmas. En definitiva servizos básicos para o benestar da poboación, mais que son tamén un instrumento para a igualdade, pois sabemos como incide o desigual reparto destas tarefas.

Os nacionalistas criticaron propostas incluídas no marco da reforma das pensións, nomeadamente as de viuvez.

Os nacionalistas consideran que a presenza do PP no Goberno da Xunta nun contexto como este representa un auténtico perigo para as mulleres, posto que é unha garantía de que a xestión da mesma se vai xestionar con receitas neoliberais, medidas estas que están na cerne da actual crise, e que o único que fan e agravala na medida que lla transfiren aos sectores sociais máis desfavorecidos. Asemade denunciaron o intento do PSOE, que no marco da reforma das pensións, pretenden modificar a actual regulamentación da pensión da viuvez, reducindo a súa contía e a súa cobertura. Consideramos escandalosas as declaración da Ministra de Economía que chegou a plantexar a supresión das mesmas, o que deixaría a moitas mulleres sen ningún tipo de cobertura social.

Converter o 8 de marzo nun ritual e contradicir o seu espírito reivindicativo orixinal

Xa por últimos desde o BNG animaron ao conxunto da poboación da Mariña a participar dos actos programados para o 8 de Marzo, se ben, denunciaron o intento de converter esta data nun ritual, pretendendo limitar o seu caracter reivindicativo. Agardamos que neste centenario do 8 de Marzo, sexa motivo, para darlle azos á loita pola igualdade real entre homes e mulleres, unha loita na que se ten que comprometer o conxunto da sociedade, posto que non hai sociedades libres e iguais se algún dos sectores socias que a conforman non son libres ou iguais.

Exit mobile version