Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE “reclaman ao goberno de Feijoo medidas prácticas que permitan o control e a erradicación do furtivismo” da costas e rías

NOTA DE PRENSA

OS SOCIALISTAS RECLAMAN AO GOBERNO DE FEIJOO MEDIDAS PRÁCTICAS QUE PERMITAN O CONTROL E A ERRADICACIÓN DO FURTIVISMO DAS NOSAS COSTAS E RÍAS

-. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira presentou esta iniciativa logo de coñecer o fracaso estrepitoso da campaña da Consellería do Mar contra o furtivismo na nosa Comunidade, na que se recolleron 39.000 quilos de especies ano 2009, fronte aos 64.000 quilos de especies apreixados no 2008

– Soneira solicita establecer mecanismos de vixilancia permanente, un estudio pormenorizado deste fenómeno, aumentar os controis e deseñar campañas de sensibilización

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, rexistrou na Cámara Autonómica unha Proposición Non de Lei, na que reclama ao Goberno de Feijoo medidas practicas que permitan o control e a erradicación do furtivismo das nosas costas e rías. Soneira solicita establecer mecanismos de vixilancia permanente, un estudio pormenorizado deste fenómeno, aumentar os controis e deseñar campañas de sensibilización

Soneira presentou esta iniciativa logo de coñecer o fracaso estrepitoso da campaña da Consellería do Mar contra o furtivismo na nosa Comunidade, na que se recolleron os 39.000 quilos de especies ano 2009, fronte aos 64.000 quilos de especies apreixados a furtivos no ano 2008.

Segundo a deputada socialista esta actividade ten consecuencias graves para a economía dos profesionais do mar, para a facenda pública, e supón un risco para a saúde dos consumidores por canto o producto do furtivismo non ten pasado por ningún dos controis a que son sometidos os mariscos e os peixes comercializados a través das canles legais.

Advirte que a Consellería do Mar ten iniciado unha cruzada, mediática, onde pretende convencernos a todos de que isto é unha guerra e que vamos gañando. Incluso a propia Conselleira do Mar ten feito declaracións neste senso manifestando que os furtivos “son inimigos meus…”.

Dende o Grupo Parlamentario Socialista non cremos que a fórmula de concentrar todas as  forzas e todos os recursos dispoñibles nun só fronte de batalla, non só non é efectivo se non que é incluso contraproducente nunha guerra de guerrillas como a que cada día se libra ao carón das nosas costas, porque, segundo o vello dito popular non se pode matar moscas a canonazos.

Soneira considera que para gañar a guerra non chegan con anuncios e propaganda, nin abonda con comprar espazos nos medios de comunicación, nin con descualificar as accións doutros gobernos e gobernantes. Afirma que “é preciso dotarnos dun exército máis modesto pero máis polivalente e diversificado, e que utilice un armamento menos aparatoso pero máis manexable, e que cubra máis territorio. Tampouco é boa solución recorrer aos mercenarios ou a delegar noutros o que son competencia e obrigas nosas”, sinalou.

Por todo o exposto o Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a establecer medidas prácticas  que permitan o control e erradicación do furtivismo das nosas costas e rías que, polo menos, deben contemplar as seguintes:

1.- Establecer mecanismos de vixilancia continúa e permanente, con medios propios ou concertados con outras administracións públicas, nas zonas especialmente sensibles a este fenómeno.

2.- Realizar un estudio pormenorizado das causas e circunstancias do fenómeno en cada unha das rías afectadas en maior grao por este problema.

3.- Aumentar os controis sobre aquelas actividades que adquiren os productos procedentes do furtivismo: hostalería, transporte, comercialización, depuración, transformación, etc.

4º.-  Deseñar campañas de sensibilización, entre os consumidores e a poboación en xeral, dos danos ocasionados polo furtivismo na economía dos profesionais do mar e dos riscos que poden implicar para a saúde o consumo deste tipo de productos.

Exit mobile version