Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa Xuventur oferta a metade de prezo 1.500 prazas en casas de turismo rural de Galicia

LUGO .- Os mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos poderán contratar dúas noites de estancia en establecementos de turismo rural, con manutención completa, e unha variada oferta de actividades, por un prezo pechado de 100 euros –e un 25% menos co carné xove-. En total, ofértanse arredor de 1.500 prazas de aloxamento en toda Galicia co programa turístico Xuventur que presentou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.

Nota de Prensa

A DELEGADA TERRITORIAL PRESENTA O PROGRAMA ‘XUVENTUR’, QUE OFRECE AOS MOZOS GALEGOS 356 PRAZAS PARA FINS DE SEMANA MULTIAVENTURA EN CASAS DE TURISMO RURAL DA PROVINCIA

* Raquel Arias expuxo as liñas da iniciativa, na que participarán 34 establecementos rurais pertencentes a 18 concellos de Lugo
* A iniciativa desenvolverase nas fins de semana dos meses de abril, maio e xuño e nela poderán participar todas aquelas persoas que teñan entre 18 e 35 anos

Lugo, 29 de marzo de 2010.- Estancias en casas de turismo rural a metade de prezo e coa posibilidade de realizar actividades complementarias como piragüismo, sendeirismo ou escalada. Esta é a oferta de Xuventur, o programa turístico dirixido á mocidade que hoxe presentou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.

O programa desenvolverase entre os meses de abril, maio e xuño, excluídas as datas da Semana Santa, e ten por obxecto dinamizar o sector turístico galego á vez que ofrecer alternativas de ocio á mocidade a prezos asequibles. Está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar e mais a Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo.

Os mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos poderán contratar dúas noites de estancia en establecementos de turismo rural, con manutención completa, e unha variada oferta de actividades, por un prezo pechado de 100 euros –e un 25% menos co carné xove-. En total, ofértanse arredor de 1.500 prazas de aloxamento en toda Galicia a un prezo que é entre 50% e o 60% máis barato do que custaría en condicións de mercado.

Tamén está incluído no programa o transporte das persoas que participan dende o aloxamento ao lugar onde se realizarán as actividades durante a xornada do sábado e do domingo, así como o equipo de monitores e o material preciso para o seu desenvolvemento.

Na oferta de actividades do Xuventur na provincia de Lugo hai tres programas diferentes,  que comprenden actividades como: Sendeirismo, piragüismo, paintball, tiro con arco,  escalada e rápel, rutas en bicicleta de montaña, carreiras de orientación con gps, canoas, visitas guiadas e culturais, espeleoloxía, ou xogos de rol en vivo dramatizados,

A oferta en Lugo

A estrea do programa producirase a fin de semana do 9 ao 11 de abril, e no caso da provincia de Lugo as primeiras casas de turismo rural participantes serán as de Casa da Aira  e Casa Carlos (Folgoso do Courel), A Salanova (A Pobra do Brollón), e Casa Reboiro (Monforte de Lemos).

O programa desenvolverase cada fin de semana nun grupo seleccionado de casas de turismo rural distribuídas por toda a xeografía galega. “Na provincia de Lugo ofértanse en total 356 prazas, repartidas en 34 establecementos situados en 18 concellos diferentes, e todos eles pertencentes a asociacións do sector (Aturmar, Rurancares, Serra do Courel ou Lugosur)”, segundo explicou a delegada territorial, que subliñou que esta ampla oferta supón que “Lugo conta con case a terceira parte do centenar de establecementos que participan no programa Xuventur”.

Os concellos nos que se ubican os establecementos de turismo rural son: Folgoso do Courel, Monforte, Trabada, Ribadeo, Cervo, Foz, Mondoñedo, Viveiro, Barreiros, Cervantes, Becerreá, Navia de Suarna, A Pobra de Brollón, Bóveda, O Incio, Taboada, Pantón, O Saviñao.

Xuventur ten o propósito de facilitar que os mozos e mozas poidan coñecer a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, promovendo o seu respecto.

A delegada territorial, Raquel Arias, sinalou que “na orixe deste programa está a intención de proporcionar á xente nova a oportunidade de vivir a experiencia do turismo activo e promover a educación ambiental e o ocio saudable nun entorno natural, no que Lugo ten un posto de referencia”.

Pero, do mesmo xeito, aclarou, nos obxectivos desta iniciativa tamén se atopa o de “estimular o movemento económico no sector”, xa que o programa Xuventur intenta compensar ao sector turístico en momentos de baixa ocupación.

Neste sentido, destacou que esta iniciativa serve tamén para “desestacionalizar o sector   tamén no ámbito laboral, promovendo o emprego dos monitores das empresas de multiaventura, que doutro xeito quedaría practicamente limitado aos meses de verán”.

Exit mobile version