LUGO .- O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, defendeu o bilingüismo no acto de entrega do XVII premio Puro Cora a escritora de Foz Luísa Castro. Nuñez asegurou que “Luisa ten un valor moi apreciable nos tempos que vivimos: agarima coas palabras e non necesita ferir para que as súas opinións estean cargadas de vida”.
Nota de Prensa
FEIJÓO: “O BILINGÜISMO NON É UNHA EIVA. OS POBOS QUE TEÑEN A SORTE DE DISFRUTALO ESTÁN MELLOR PREPARADOS PARA ENTENDER O MUNDO DO SÉCULO XXI”
* Destaca as palabras da escritora Luisa Castro, distinguida esta noite co premio Puro Cora, que considera que a presenza de dúas linguas, ‘lonxe de ser unha eiva é unha vantaxe da que non cómpre defenderse, senón apropiarse’
* “Temos a posibilidade de que a maldición de Babel se converta en bendición facendo que os idiomas non confundan aos seres humanos, senón que comuniquen o seu pouso común”, asegura o presidente galego
* “Se alguén dubida dos beneficios da diversidade non ten máis que ollar a outra beira do Atlántico”, afirma, indicando que “os estudantes que escoitaron á nosa escritora forman parte dunha nación que é grande porque é plural desde a súa mesma fundación”
* “Luisa ten un valor moi apreciable nos tempos que vivimos: agarima coas palabras e non necesita ferir para que as súas opinións estean cargadas de vida”, subliña
* Salienta a “extraordinaria e inesgotable calidade” do periodismo español e galego e sinala que a este último “lle debemos, en boa medida, a existencia da Galicia autonómica”
Lugo, 12 de marzo de 2010.- “O bilingüismo non é unha eiva. Os pobos que teñen a sorte de disfrutalo están mellor preparados para entender o mundo do século XXI”. Son as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto de entrega do XVII premio periodístico Puro Cora, que recaeu na escritora de Foz Luisa Castro, de quen Feijóo subliñou as palabras q e lle transmitiu a alumnos da Universidade de Brown, en Estados Unidos: que procedía dun lugar onde a presenza de dúas linguas, ‘lonxe de ser unha eiva é unha vantaxe da que non cómpre defenderse, senón apropiarse’.
“Se alguén dubida dos beneficios da diversidade non ten máis que ollar a outra beira do Atlántico”, engadiu Feijóo destacando que os estudantes que escoitaron a Luisa Castro forman parte dunha nación “qué é grande porque é plural desde a súa mesma fundación”. Pluribus unum, dixo o titular da Xunta explicando que este lema que segue a figurar no gran selo dos Estados Unidos é valido tamén “para calquera país que aspire a formar parte do futuro”.
“Galicia é un deses países”, aseverou Feijóo remarcando que neste porvir “no que xa estamos, as linguas suman e as culturas aliméntanse reciprocamente”. “Temos a posibilidade de que a maldición de Babel se converta en bendición”, cómo, preguntouse: “facendo que os idiomas non confundan aos seres humanos, senón que comuniquen o seu pouso común”, abondou.
“Luisa Castro –enfatizou- ten un valor moi apreciable nos tempos que vivimos: agarima coas palabras e non necesita ferir para que as súas opinións estean cargadas de vida. Danos unha gran lección a todos aqueles que estamos na palestra pública”, considerou.
Calidade “inesgotable” do xornalismo galego
Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou o papel do xornalismo: “consigue que individuos anónimos se transformen en comunidade”, sinalou lembrando que o sistema circulatorio da democracia necesita da información e da opinión “para que o corazón da liberdade non se pare”.
“Ao periodismo galego debémoslle en boa medida a existencia da Galicia autonómica”, abondou o mandatario autonómico indicando que, moito antes de que existira en leis e institución tiña vida no papel e nas ondas. “Naceu nun berce feito de cabeceiras coma a de El Progreso e, se hoxe podemos celebrar a súa consolidación, débese a que o noso país ten medios e profesionais de “incomparable categoría”. “Iso non impide que haxa problemas e incertezas, comúns en boa medida a moitos medios de comunicación do mundo”, afirmou indicando que a Xunta “os coñece e non é nin será insensible a eles”.
“Abonda con repasar a lista de premiados do Puro Cora para darse conta da extraordinaria e inesgotable calidade do periodismo español e galego e do necesarios que seguen sendo os medios de comunicación libres. Sen esa pléiade de profesionais que recibiron este galardón a democracia e galega sería moito máis pobre. Sen a nosa Luisa Castro, a Galicia faltaríalle unha voz e quedarían moitas cousas sen dicir. Sen El Progreso, a historia estaría hoxe incompleta”, concluíu.