LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este mércores o II Seminario Sociedade da Información de Galicia que organizou a Fundación SOCINFO no centro On de Caixa Galicia en Santiago. Trátase dun acto organizado por un prestixio grupo de expertos en novas tecnoloxías en España, e ó que acudiron ós principais responsables nesta materia de todas as administracións da Comunidade. Gómez Besteiro presentou o Innova-TE, o programa tecnolóxico do organismo provincial, dotado de 9 millóns de euros, co-financiado nun 70% con fondos FEDER, e nun 30% pola Deputación, sendo o maior investimento en TICs feito nunca en Galicia.
O titular do organismo provincial explicou que Lugo sitúase nos últimos postos na media dos indicadores estatais, e nos estándares de Europa no que ás novas tecnoloxías se refire. Neste senso, lembrou que coa chegada á Deputación fíxose un cambio de rumbo da institución, apostando polo campo, á cooperación máxima cos Concellos, e a innovación. “As novas tecnoloxías son estratéxicas no noso pacto polo campo, e para frear o despoboamento que sofre a provincia. O Innova-TE fará que os últimos sexamos os primeiros”, subliñou.
A iniciativa do organismo provincial permitirá, mediante a Administración electrónica, promover avances tecnolóxicos e sociais, situando á Lugo como un territorio plenamente inserido na Sociedade da Información. O Presidente asegurou que “ó igual que no seu día Lucus Augusti foi a capital do Imperio Romano, temos o reto de converternos na capital cunha nova Lucus Technology. Para elo, primeiro tivemos que cambiar o noso software, unha partida que xa estamos gañando. Hoxe, miles de lucenses xa están mentalizados de que non podemos seguir ó marxe das novas tecnoloxías”.
Unha nova era na provincia
A Deputación adxudicou definitivamente o programa Innova-TE á UTE Mnemo-Software AG-Fujitsu logo dun proceso de contratación que concluíu sen unha soa alegación, e que estivo marcado pola transparencia e a publicidade. Deste xeito, a adxudicataria implantará a e-administración no organismo provincial e en 66 Concellos da provincia en 2011. Gómez Besteiro incidiu que “comezamos unha nova era na que se acabará o volva vostede mañá nos servizos administrativos, e iniciaremos aberto 24 horas: sírvase vostede mesmo”.
O Presidente da Deputación explicou que, con estas melloras, os cidadáns de Lugo poderán realizar on line, mediante o DNI electrónico, unha gran variedade de trámites na web do Concellos como por exemplo conseguir o certificado de empadroamento, inscribirse na actividade cultural, reservar instalacións deportivas, pedir permiso para unha obra en domicilio, ou solicitar permiso para a queima de rastrollos.
Deste xeito, o programa tecnolóxico do organismo provincial conleva as seguintes actuacións:
* Dotación de infraestruturas tecnolóxicas en Concellos e na Deputación, mediante a creación dun CPD centralizado, así como outro de respaldo e de subministro de ofimática necesaria e solucións de mobilidade ós Concellos.
* Despregue da Administración electrónica en Concellos e Deputación, mediante a dotación e poste en marcha da completa plataforma de servizos con todos os compoñentes de back-office para lograr unha verdadeira revolución no servizo ós cidadáns e a mellora da eficiencia no traballo dos empregados públicos.
* Plan de dinamización e alfabetización tecnolóxica, mediante un forte despregue de accións que apoien e sustenten o cambio de paradigma ós diferentes niveis implicados, funcionarios, cidadáns, e empresas.
* Despregue de solucións de banda ancha na provincia, que garantirá a conectividade necesaria en puntos clave da xeografía lucense ós que na actualidade non chega.