Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP felicita á Consellería do Mar por recuperar as patrullas de vixilancia

NOTA DE PRENSA:
O Grupo Popular tamén felicitou á Consellería do Mar por recuperar as patrullas de vixilancia conxuntas entre Gardacostas de Galicia e Policía Autonómica, desmanteladas polo anterior Goberno bipartito, e salientou que se teñen amosado como “moi eficaces” na loita contra o furtivismo

BALSEIRO XULGA DE “IRRESPONSABLE” QUE O BNG PRETENDA SUPLANTAR A OPINIÓN MAIORITARIA DO SECTOR, QUE SE AMOSOU FAVORABLE Á ACTUAL REGULAMENTACIÓN

SOBRE CAPTURAS DO POLBO

* O voceiro do Mar salientou tamén como “moi positivas” as melloras introducidas polo departamento autonómico que dirixe Rosa Quintana ao respecto do seguro do mal tempo: mantén a forza do vento como criterio para que poidan recibirse indemnizacións”, adecuou o orzamento destinado a este seguro ao gasto real, o que implica que non se detraen recursos para outras prioridades, e hoxe a Xunta asume o 75% do total da prima.

Santiago, 4 de marzo de 2010.- No seo da Comisión de Pesca e Marisqueo celebrada no día de hoxe na Cámara galega o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, xulgou como “irresponsable” que o BNG presentara unha iniciativa pola que pretendía modificar a actual regulamentación sobre capturas do polbo incluída no Plan de Xestión Marisqueira. O parlamentario popular acusou aos nacionalistas de “pretender suplantar” a opinión maioritaria do sector, e subliñou que a normativa actual, aprobada pola Consellería do Mar, foi froito do debate e da participación dos propios interesados, e resultado de múltiples xuntanzas nas que participaron os traballadores que desenvolven a súa actividade na captura deste cefalópodo. Balseiro explicou que, de feito, organizacións da importancia da Federación Galega de Confrarías de Pescadores ou da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra xa se amosaron favorables a actual regulamentación, ao horario establecido na mesma e aos topes de capturas, polo que o BNG non estaría a defender o interese xeral, manifestado pola maioría dos pósitos galegos.

Outros asuntos tamén foron obxecto de análise na Comisión de Pesca do Parlamento. Así o Grupo Popular preguntou polas modificacións operadas no seguro de mal tempo e sobre os sistemas dispostos pola Xunta na loita contra o furtivismo. A este respecto o voceiro do Mar, quixo felicitar ao departamento que dirixe Rosa Quintana por recuperar as patrullas de vixilancia conxuntas entre Gardacostas de Galicia e Policía Autonómica, desmanteladas polo anterior Goberno bipartito, e salientou que estas patrullas mixtas se teñen amosado como “moi eficaces” na loita contra esta lacra que “dana, a mariñeiros e mariscadoras, e pretenden esquilmar os principais recursos pesqueiros e marisqueiros do noso país”.

SEGURO DO MAL TEMPO EFICAZ

Finalmente en relación co seguro do mal tempo, Balseiro Orol, subliñou a importancia que ten este instrumento como medida para compensar ás perdas de mariñeiros e armadores derivadas do amarre dos barcos, cando as circunstancias climatolóxicas adversas desaconsellan saír a faenar.

Tamén quixo salientar como “moi positivas” as melloras introducidas polo departamento autonómico que dirixe Rosa Quintana ao respecto do seguro do mal tempo: mantén a forza do vento como criterio para que poidan recibirse indemnizacións, algo negado polo bipartito nun principio e que finalmente acabou introducindo na póliza “pola porta de atrás”, adecuou o orzamento destinado a este seguro ao gasto real, o que implica que non se detraen recursos para outras prioridades, e hoxe a Xunta ampliou ata o 75% o porcentaxe que se asume con recursos públicos sobre custe total da prima.

Exit mobile version