Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que apoia a Xunta e “pide a Feve e a Fomento o mesmo grado de implicación con Ribadeo”

NOTA DE PRENSA

A Xunta bipartita non presentou ningunha oferta “con buzón ou sen buzón” no momento en que se coñeceu que a empresa ENCE estudaba trasladar as súas operacións ao porto do Musel en Xixón

BALSEIRO AMOSA O MÁXIMO APOIO DO PPdeG ÁS XESTIÓNS DA XUNTA PARA QUE SE MANTEÑA A ACTIVIDADE DE ENCE EN MIRASOL E SUBLIÑA OS MESES PERDIDOS POLO BIPARTITO NESTA CUESTIÓN

* “Nós non imos á guerra con ninguén” –explicou Balseiro- “o que facemos desde o PPdeG é defender os intereses de Galicia  e da Mariña lucense, igual que o Principado o fai de Asturias”

* O PP pide a FEVE e a FOMENTO (PSOE) “o mesmo grado de implicación con Ribadeo” que o previsto co porto de Xixón onde executarán investimentos millonarios.

Santiago, 25 de marzo de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, amosou o seu total apoio á iniciativa do Ente Público Portos de Galicia –dependente da Consellería do Mar- quen adoptou a iniciativa de presentar una oferta en defensa da continuidade da actividade da empresa ENCE no porto de Mirasol (Ribadeo).

Balseiro valorou moi positivamente o ofrecemento feito pola Xunta á empresa papeleira que a día de hoxe opera desde este porto galego e que pasa por mobilizar preto de catro millóns de euros de recursos autonómicos a favor de Mirasol, con actuacións que inclúen desde a redución de taxas portuarias a melloras diversas nas infraestruturas existentes.

EN DEFENSA DOS NOSOS INTERESES

O voceiro popular insistiu que o único que fan desde a Xunta e desde o PPdeG é defender os intereses de Galicia e da Mariña lucense, e do preto de millar de empregos que directa e indirectamente  están relacionados coa actividade portuaria de Ribadeo, ao igual que o Principado mira polos intereses de Asturias. “Nós non imos á guerra con ninguén”-concluíu Balseiro- de feito salientou que os efectos positivos da presenza de ENCE en Mirasol, benefician por igual á Mariña oriental e aos concellos asturianos limítrofes coa ría de Ribadeo.

MESES PERDIDOS POLO BIPARTITO

O voceiro do Mar do Grupo Popular non quixo esquecer que aínda que se coñece desde fai anos que a empresa ENCE tiña sobre a mesa a “alternativa asturiana” non foi ata que chegou un Goberno do Partido Popular cando se adoptou unha iniciativa de “contraofensiva”, como nesta caso foi a oferta dos actuais responsables de Portos de Galicia. Polo tanto coa Xunta bipartita perdéronse meses, incluso anos, que puideran resultar de vital importancia na defensa da permanencia desta actividade estratéxica.

“O bipartito non presentou ningunha oferta, con buzón ou sen buzón, no momento en que se coñeceu que a empresa ENCE estudaba trasladar as súas operacións ao porto do Musel en Xixón”- replicoulle Balseiro ao socialista Ismael Rego- a quen lle acusou de “parecer máis un parlamentario de Asturias, que un deputado galego, pola tibieza na defensa do noso porto”

APOIO DE FEVE E FOMENTO

Balseiro está convencido de que “Fomento e FEVE (PSOE) non está a colaborar con Galicia igual que co Principado de Asturias” e desexa que,  dado que o departamento ministerial está presidido por un ministro galego, Jose Blanco, e porque ademais supón unha decisión responsable de equilibrio territorial, sexan capaces de desenvolver polo menos “o mesmo nivel de colaboración con Galicia que o feito co Principado”. O voceiro do Mar do PPdeG referiuse expresamente á colaboración de FEVE para a instalación dunha área de carga  de  descarga no polígono industrial de Ribadeo, e dun acceso directo pola circunvalación desta vila ata o porto de Mirasol.

Exit mobile version