Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela tamén apoia que se cree o denominado “Camiño do Mar” como novo viario de peregrinación a Santiago

NOTA DE PRENSA

O GMPP apoia a declaración do “Camiño do Mar” como novo viario de peregrinación a Santiago.

Piden que o concello de Burela apoie esta iniciativa.

Consideran que daría unha importante proxección turística á comarca e a Burela.

O PP de Burela manifestou hoxe que vén de  presentar unha moción para que o concello inste á Xunta a desenvolver os trámites e xestións que estime oportunas co obxecto de oficializar como ruta xacobea un novo viario de peregrinación coñecido como Camiño do Mar, que transcurriría polos concellos costeiros da provincia. Asemesmo, solicitan que o concello mostre o apoio decidido da Corporación Municipal, nas tarefas que a Xunta de Galicia, a Deputación provincial e outras institucións e organizacións poidan desenvolver na divulgación e promoción deste percorrido.

Os populares salientan que, froito das investigacións históricas que teñen por obxecto o enriquecemento do noso patrimonio inmaterial como é, neste caso, o Camiño de Santiago, estarían a multiplicarse os datos que demostran a existencia dun novo trazado viario de peregrinación na costa norte galega, coñecido como O Camiño de Mar.

Cómpre aclarar que non se trata dun viario descoñecido e independente. As investigacións realizadas apuntan máis a que este camiño é unha continuación do trazado costeiro do Camiño do Norte en Asturias, que ao chegar a Ribadeo se bifurca: por un lado un ramal entraría polo interior, Ove, Arante, Lourenzá e Mondoñedo, ou o que é o mesmo o trazado oficial do Camiño do Norte  e outro continúa pola costa.

Na moción dos populares faise constar que o trazado deste vieiro empeza en Ribadeo, continúa polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e chega ata Neda, no que se funde co trazado oficial do Camiño Inglés chegando a Santiago.

Para que un camiño deixe de ser unha simple vía de comunicación e se converta nun camiño de peregrinación debe cumprir tres requisitos indispensables: demostrar a existencia dun camiño histórico sobre o que poder trazar, posteriormente, o itinerario da vía de peregrinación, corroborar a existencia dunha rede asistencial na que os peregrinos podan acollerse e atopar comida e cama e, finalmente demostrar a presenza continuada de peregrinos entorno a el e nun espazo temporal continuado.

Os populares tamén fan constar na súa moción que todas estas condicións se estarían a cumprir no caso do Camiño de Mar, pois existe documentación histórica máis que suficiente para dar testemuña da existencia deste vieiro. Documentación que pode consultarse actualmente nos arquivos catedralicio e diocesano de Mondoñedo, no Histórico Nacional e en diversos arquivos municipais e parroquiais.

Por eso, o Grupo Municipal do PP entende que esta moción, dada a trascendencia e repercusión a medio e longo prazo desta promoción cultural e turística, debería ser apoiada pola unanimidade da corporación burelesa. Para os populares, sen dúbida ningunha estaríamos ante o espaldarazo definitivo a nivel de promoción turística para o conxunta da comarca en xeral e para Burela en particular.

O PP tamén presentou hai dúas semanas unha moción solicitando que as pequenas e medianas empresas e os autónomos non abonen o IVE daquelas facturas que non cobren.

Un pleno máis, será o PP, ante a desidia e a falla de proxectos e de traballo do alcalde e do bipartito, quen leve ó pleno asuntos que son importantes para a economía local e para o desenvolvemento socioeconómico de Burela.

Exit mobile version