Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela pídelle ao alcalde explicacións sobre o hospital

NOTA DE PRENSA

Os populares pídenlle ó alcalde que lles explique ós seus compañeiros de partido que o hospital non perderá autonomia.

Para o PP, “hai que axilizar a entrevista con José Blanco”.

O PP lembra que Touriño nin recibiu ó alcalde nin visitou Burela oficialmente.

O PP de Burela manifestou hoxe que logo da reunión do alcalde co presidente da Xunta, “temos que pedirlle ó alcalde dúas cousas, a primeira que convenza ós seus compañeiros de partido e socios de bipartito de que o hospital non perderá autonomía, e a segunda axilizar canto antes a entrevista con José Blanco para salir de dúbidas sobre as alegacións que se teñen presentado con respecto á autovia”.

Os populares lembran que o manifestado por Núñez Feijoo ó alcalde de Burela sobre o hospital é o mesmo que dixo sempre o PP, tanto no parlamento, coma nos medios informativos. En cambio, o alcalde caracterizouse pola súa confrontación, mesmo asistindo a reunións da plataforma, polo que usou o asunto cun claro interese partidista. Agora debe explicarlles ós seus compañeiros de partido, especialmente ó Sr. Rego, e ós socios do bipartito o que lle dixo o Presidente da Xunta.

No que respecta á reunión co Ministro de Fomento, e tendo en conta que a entrevista está solicitada desde o verán, e que o Sr. Blanco vén a Galicia con certa frecuencia, sería bon axilizar a mesma, para coñecer cales son as intencións de Fomento. E decimos esto porque resulta curioso que o alcalde fose recibido polo presidente da Xunta, Núñez Feijoo, cando o Sr. Touriño nin o recibiu nin visitou Burela oficialmente, agás con motivo do Klaus. Semella que o alcalde non tén moito interese na reunión con Blanco, ou que o seu peso dentro do seu partido non é importante. Pero a reunión si que é importante para o noso concello, xa que o trazado da autovía Barreiros-San Cibrao é determinante para o futuro de Burela. Tanta preocupación tén o alcalde polo corredor San Cibrao-Ferrol, e resulta que o que máis nos afecta, que é o tramo Barreiros-San Cibrao, non lle importa demasiado e agacha a orella ante a falla de información existente.

Os populares lembran que á reunión con Blanco acordouse que asistirían representantes de todos os colectivos e partidos que participaron na elaboración das alegacións.

En Burela, a oito de Marzo de dous mil nove.

Exit mobile version