Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Mariña pública un manifesto con motivo da “conmemoración do 8 de marzo, Día internacional das mulleres”

NOTA DE PRENSA

MANIFESTO DO PARTIDO POPULAR DA MARIÑA LUCENSE NA CONMEMORACIÓN DO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Un ano máis, en todo o mundo, o 8 de marzo únense voces e vontades para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. É un día no que se bota a vista atrás para lembrar dificultades pasadas e logros acadados, pero tamén é un día de ilusión, de proxección, de deseño de novos retos e de exploración das oportunidades que esperan ás actuais e futuras xeracións de mulleres.

Os avances na situación das mulleres non teñen sido fáciles, como tampouco o é o camiño que queda por andar. Todo proceso de cambio é lento e complexo. No caso das mulleres, desde os momentos históricos nos que non podían acceder á educación reglada, ao voto, ao mercado de traballo, ata a actualidade, cando consiguen as mellores cualificacións no eido universitario, cando exercen moitas profesións tradicionalmente masculinizadas, e participan en calquera eido da vida cultural, política, social ou económica, é evidente a profundidade da transformación acaecida.

Non podemos, sen embargo, caer no erro de pensar que todo está feito e que xa non é preciso continuar avanzando. As cifras relativas á participación no mercado laboral indican con toda claridade que as mulleres non se atopan en igualdade de condicións con respecto aos varóns, xa que son habitualmente elas sobre as que incide de maior maneira o desemprego, ou a temporalidade.

Desde o Partido Popular da Mariña cremos que é necesario seguir na laboura de sensibilización, de difusión e de comunicación da situación de desigualdade que moitas mulleres seguen a sufrir, insistir na necesidade de traballar no grave problema do desemprego ou da precariedade laboral, que afecta de maneira tan importante ás mulleres de todas as idades, así como na  eliminación da lacra da violencia de xénero.

A falla de visibilización do traballo desenvolvido polas mulleres, as diferencias nas percepcións salariais, o desigual reparto das tarefas domésticas e das responsabilidades familiares, ou as diferentas existentes na esfera da toma de decisións son só algúns dos retos pendentes. Non se trata só de avanzar cuantitativamente en materia laboral senon que ese avance veña acompañado de melloras cualitativas.

A complexidade da tafefa pendente non nos debe desalentar nin constituír un obstáculo para esta aspiración, ao contrario, debe ser un motor que nos impulse no avance, sobre a base de que cada ameaza pode e debe converterse nunha oportunidade.

Os avances en materia lexislativa son innegables, pero está pendente que as mulleres, e a sociedade na súa globalidade, coñezan os dereitos recollidos nesas leis, pois na base da súa utilización está ese coñecemento. Todos os modos de discriminación deben ser erradicados, de aí a importancia de continuar avanzando na educación en igualdade, para que as xeracións vindeiras vivan nunha esfera de respecto á diversidade, de tolerancia e de paz, superando antigos conceptos, actitudes e comportamentos que están na base da desigualdade existente entre mulleres e homes.

Insistimos na necesidade de avanzar cara a unha sociedade na que mulleres e homes sexan diferentes en tanto que persoas, pero iguais en dereitos e oportunidades, e estamos dispostos e despostas, desde o Partido Popular da Mariña lucense a poñer o noso empeño en continuar traballando para a percura destes obxectivos. Só desta forma contribuiremos a crear unha sociedade galega máis igualitaria, máis democrática e máis feliz.

Exit mobile version