CERVO .- O delegado de Urbanismo do Concello de Cervo, José Manuel Balseiro, asegura que o Plan do Litoral non deixa ningunha vivenda fóra de ordenación “que xa non estea agora nesta situación” e afirma que Gondrás, Cuiña, Fontao, Casa Novas, Espiñeirido, Riocobo, Guioncho, A Venta, O Castelo, Figueirido e Daián non están afectados polo POL.
Nota de Prensa
O tenente de alcalde e delegado de urbanismo asegura que se Xoán Antón Estúa tivera “vergoña política” presentaría a súa dimisión polo mínimo rigor técnico e os datos falsos empregados
BALSEIRO AFIRMA QUE O VOCEIRO DO BNG “NON SE ENTEIRA POLITICAMENTE E, O QUE É PEOR, PRETENDE CONFUNDIR E DESINFORMAR AOS VECIÑOS” COAS SÚAS CRÍTICAS ERRADAS SOBRE O POL
* A afectación do POL está por debaixo da franxa dos 500 metros na que prohibiu edificar o bipartito
* O Plan do Litoral non deixa ningunha vivenda fóra de ordenación que xa non estea agora nesta situación.
* Nin Gondrás, nin os núcleos de Cuiña, Fontao, Casa Novas, Espiñeirido, Riocobo, Guioncho, A Venta, O Castelo, Figueirido e Daián están afectados polo POL
* Equipo de Goberno empraza ao BNG a un debate público sobre o POL na Casa da Cultura.
Cervo, 26 de marzo de 2010.- O tenente de alcalde e delegado de Urbanismo en Cervo, Jose Manuel Balseiro Orol afirmou que o voceiro nacionalista local, Xoán Antón Estúa, “non se enteira politicamente, non sabe interpretar os planos e, o que é aínda peor, pretende confundir e desinformar aos veciños” coas súas críticas erradas sobre o Plan de Ordenación do Litoral (POL). As devanditas declaracións son consecuencia do debate mantido no día de onte por ambos edis no seo da sesión plenaria do Concello de Cervo na que se analizou este plan que, impulsado pola Xunta, ten por obxecto regular e normalizar o desenvolvemento urbanístico dos concellos do litoral.
POR DEBAIXO DOS 500 METROS
O BNG en Cervo afirmou que o POL tiña unha afectación superior á norma do bipartito que prohibía edificar nunha franxa de 500 metros desde a costa. “Pois é falso, xa non só porque o POL non afecta a ningún espazo catalogado como solo urbano ou núcleo rural –onde se concentra a maioría das edificacións do concello- e tampouco ao polígono de Cuiña “por estar urbanizado e desenvolvido”. Ademais a afectación do POL está por debaixo dos 500 metros en todo o termo municipal menos nun pequeno punto, a franxa do contorno de Alcoa, área de mellora medioambiental onde está previsto clasificar como solo urbanizable industrial ou terciario.
NINGUNHA VIVENDA FÓRA DE ORDENACIÓN
Balseiro aclara que o POL non vai deixar fora de ordenación ningunha edificación de uso residencial que non estivera antes nesta situación, “polo que de novo o voceiro local do BNG mentiu cando cifrou as vivendas afectadas en máis de 200”.
Balseiro tamén explicou que é falso o afirmado polo edil nacionalista, pois “nin Gondrás, nin aos núcleos de Cuiña, Fontao, Casa Novas, Espiñeirido, Riocobo, Guioncho, A Venta, O Castelo, Figueirido e Daián están afectados polo POL en absoluto”
ESTÚA DEBERA DIMITIR
“Constatado que as informacións dadas polo único concelleiro nacionalista en Cervo, tanto a través dos medios de comunicación, como nas distintas xuntanzas que mantivo cos veciños –por certo, que se saldaron cun notable fracaso na participación e mobilización- o que debera facer este edil, se tivera decencia política, é presentar a súa dimisión, tras quedar en evidencia e facer afirmacións falsas e sen rigor técnico”
NON EXISTIRON DESCUALIFICACIÓNS PERSOAIS
Balseiro insistiu que os argumentos e afirmacións efectuadas no Pleno pola súa parte non incluían ningún tipo de descualificación persoal, senón políticas, a diferenza dos insultos que si protagonizou contra a súa persoa o BNG comarcal do que Estúa é o seu número dous. Os nacionalistas si que me insultaron publicamente, como todos puidemos ver nos medios de comunicación, e aínda non teñen rectificado.
Finalmente o del de Goberno quixo poñer de relevo a falta de coherencia dos nacionalistas que “afectados de certa paranoia e bipolaridade na súa forma de actuar política” por unha banda falan da necesaria defensa medioambiental da costa e pola outra parecen ser favorables a que se permita a súa urbanización nas zonas máis próximas, algo que vén a regular e racionalizar o POL.