Nota de Prensa
O Pleno de Xove pídelle á Xunta que rectifique
O Bloque Nacionalista Galego de Xove presentou perante o Pleno de Xove unha moción na que se instaba á Xunta a non retirar a gratuidade dos servizos de desinfección de vehículos de transporte de gando.
O Pleno da Corporación Municipal acordou cos votos a favor de BNG, AVEXO e PsdeG-PSOE, e os votos en contra do equipo de goberno en minoría do PP; esixirlle á Xunta que a desinfección dos transportes de gando siga sendo de balde.
Isto foi posíbel pola “responsabilidade e compromiso” de todos os grupos da cámara municipal, agás o PP, de poñer por diante a defensa do interese xeral da veciñanza: desde o gandeiro ao consumidor final. A actitude do PP reflicte a intención do executivo local, amosada unha e outra vez, de non teren en conta aos veciños de Xove en ningún tema importante cando iso prexudique a política unilateral do goberno de Feijóo, segundo manifestou o responsábel local do Bloque xovense.
Os populares defenderon apaixonadamente a súa intención de gravar cunha taxa, que poderá alcanzar os 25 euros, a eliminación de xermes dos vehículos que transporten animais vivos. Pero Marco López lembrou que nesta ocasión non se acordaron en ningún intre da “crise”, que tanto mencionan noutros temas, para facer referencia ás dificultades económicas dos tratantes da Feira de San Bartolo que se celebra en Penasagudas (Xove) e mais da repercusión que este importe tería no consumo das familias.
A ausencia de maiorías absolutas na corporación de Xove, formada por catro agrupacións políticas, botou abaixo a pretensión do PP de poñer por diante o seu “interese de partido antes que o beneficio da propia sociedade agrogandeira de Xove”. É sabido que as maiorías absolutas teñen un perigo enorme, dado que “adoitan converterse en oligarquías”, advertiu López, e a ausencia dese absolutismo en Xove “fai que o noso Concello sexa gobernado coa aportación de todos os grupos”.