Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros aprobou o borrador do convenio urbanístico ao que a Xunta prevé dará luz verde en abril

BARREIROS (FNC). Cos votos favorables de PP, PSOE e INDEBA e a abstención do BNG quedou aprobado no día de hoxe, nun pleno extraordinario e urxente, o borrador do convenio urbanístico ao que a Xunta dará luz verde no vindeiro mes de abril.

O alcalde, Alfonso Fuente, califica de moi satisfactorio o documento, unha conclusión á que chegou “despois de ler o borrador do convenio e de ver os investimentos que se realizarán no noso concello por parte da Xunta de Galicia, da Deputación e cunha aportación do Concello e da empresa públicas Obras Hidráulicas”. O rexedor trasladóulles aos concelleiros barreirenses que “é un convenio cunha partida histórica para o noso concello, que dotará a todo o solo urbano dun grao de urbanización que a día de hoxe ainda non existe en moitos concellos galegos”.

Fuente Parga aludiu tamén á partida que o Concello terá que aportar neste convenio urbanístico e sinalou que “dita partida ascenderá a 1.225.000 euros porque se está a esperar á transferencia da N-634 por parte do Ministerio de Fomento. Éste tería que aportarnos entorno a 1.400.000 euros e o Concello tería que poñer, como digo,  1.225.000 euros no ano 2013. Si temos en conta que este investimento é para tres anos sairían menos de 500.000 euros ao ano, que é a partida que xa o Concello viña incluindo de investimentos no seu presuposto anual”. O rexedor seguiu a relatar que “a nosa aportación supón o 8’64% do total do presuposto do convenio, si para 14 millóns de euros que se investirán no noso concello nós temos que poñer esa porcentaxe a cifra está moi distante do 50 ou do 60% que o Concello ten que poñer noutros convenios. Esto suporá tamén un investimento por habitante de 4.431 euros por habitante nestes tres anos no noso concello, algo que está moi por enriba dos realizados por outras administracións na Mariña lucense e no Concello de Barreiros”.

Alfonso Fuente asegura que “nos catro núcleos urbanos que son San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante haberá un grao de urbanización do 100%, melloraránse todos os servizos e o máis importante é que o convenio nos liberará as partidas de investimentos do Concello para poder executalas nas parroquias do interior. É decir investimentos que tiñamos que vir facendo con fondos municipais na zona norte os destinaremos hacia a zona sur”. O alcalde barreirense considera que “o convenio favorece en xeral a todos os veciños do noso concello, é moi importante mellorar a rede de abastecemento de auga, a rede de saneamento, a iluminación pública…creo que no 2013 cando estea rematado todo este investimento aí estarán os resultados cunha urbanización envexable”.

Exit mobile version