Nota de Prensa
O Plan do Litoral afecta en Xove a máis de 38.000 ferrados
Esta normativa marco atinxe no Concello de Xove a 2.815,28 hectáreas, das que 1.775 se sitúan por riba dos 500 metros de costa.
Deste xeito, por exemplo Vilachá pasa a ser definida como Núcleo de Identidade do Litoral, polo que terá condicións específicas que obrigarán os veciños a xustificar polo miúdo novas edificacións. Ademais, con esta medida o PP paraliza o PXOM de Xove, que xa se atopaba na súa fase final de aprobación definitiva.
Marco López, responsábel local do BNG de Xove, ve descoordinación entre o goberno de Xove e o de Santiago, “cada un vai por un lado”, advertiu. O grao de afectación do POL no ordenamento urbanístico municipal limita salvaxemente a promoción de obra nova e deixa fóra da norma moitas propiedades polas que os seus propietarios pagan o catastro. Nas vivendas afectadas polo Plan, no mellor dos casos, só se poderán realizar actuacións de mantemento, para o que terán que pedir dobre licenza: unha ao Concello e outra á Consellaría de Política Territorial. En canto aos montes, ademais destas dúas autorizacións burocráticas, os veciños deberán solicitar un terceiro permiso á Consellaría do Medio Rural para poderen pinchar a súa madeira.
O responsábel local do BNG cualificou o POL de “interesado”, e apoiou esta afirmación co exemplo do caso da granxa acuícola situada a escasos metros da praia de Lago. Neste caso concreto o lexislador popular “tornouse xastre” co obxecto de confeccionarlle á todopoderosa Pescanova un traxe a medida que non prexudica os seus anhelos de expansión, mentres que obvia os pequenos propietarios.
No BNG opinan que, en boa lóxica, entenden que o goberno municipal estará en contra desta regra ditada desde a Xunta, pero sería bo que se lle dera a coñecer á opinión pública o seu desencanto co executivo de Feijóo: “Non é tempo de xogar ás agachadas, hai que dar a cara”, manifestou Marco López.