A MARIÑA .- O Observatorio de A Mariña pola Igualdade anima aos xornais mariñáns a retirar os anuncios de prostitución e contactos de sexo. A organización feminista alenta a que os medios con máis representatividade na comarca asuman a moción promovida no Congreso de Deputadas/os en 2007.
Nota de Prensa
O Observatorio da Mariña pola Igualdade anima aos xornais mariñáns a seguiren o exemplo de La Voz de Asturias, que vén de retirar os anuncios de prostitución e contactos de sexo
Con esta decisión, o xornal asume o custo económico da medida en defensa da súa liña editorial, demostrando que é posíbel asumir políticas éticas en tempos de crise
A organización feminista alenta a que os medios con máis representatividade na comarca asuman a moción promovida no Congreso de Deputadas/os en 2007
O Observatorio da Mariña pola Igualdade acolle con moita satisfacción a noticia feita pública pola dirección do xornal La Voz de Asturias, na que anuncia a súa decisión de retirar das páxinas do xornal os anuncios de contactos sexuais e os anuncios de prostitución. O Observatorio dálle a benvida a que o xornal asturiano, propiedade de Mediapubli, prime os contidos éticos por riba dos beneficios económicos, e así admita que “esta actuación supone una pérdida de ingresos por la eliminación de los anuncios fijos de prostitución y las secciones por palabras de contactos sexuales, pero entiende que la defensa de los principios éticos está por encima de la repercusión monetaria”.
Dado o compromiso que o Observatorio da Mariña pola Igualdade ten no traballo a prol da igualdade de xénero na nosa comarca, desde a asociación feminista animan a que os medios de comunicación escritos con máis representatividade na Mariña sigan este exemplo, e dean os pasos necesarios para poren en práctica a moción promovida no Congreso de Deputadas/os a nivel español no ano 2007. Iso implica adoptar unha decisión valente e coherente, na que o compromiso pola loita dos dereitos humanos (neste caso, o dereito á igualdade) se sitúe por riba dos intereses económicos que levan a que a prensa galega embolse arredor de 5 millóns de euros ao ano grazas aos anuncios de prostitución.
A boa acollida que tivo na sociedade asturiana este cambio de política de xénero no xornal La Voz de Asturias, só nos fai pensar que a sociedade mariñá recibiría con igual satisfacción esta noticia. Sen dúbida, isto redundaría nunha maior confianza da cidadanía da Mariña tocante aos medios de comunicación escritos a través dos que se informa.
Para máis información:
“Una decisión pionera en la prensa asturiana” (La Voz de Asturias, 13/03/2010). http://www.lavozdeasturias.es/noticias/noticia.asp?pkid=546049
“O negocio dos sexos nos xornais galegos” (Marcos S. Pérez, Tempos Novos, 19/19/2009): http://www.temposdixital.com/?p=2436