Nota de Prensa
A súa compra é froito do convenio subscrito entre a Consellería de Cultura e o Concello
O CONCELLO PROBA A NOVA ESTRUTURA METÁLICA DESTINADA AO DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES CULTURAIS
O custe deste novo material é de 50.000 euros e están financiados ao 100% por Cultura
Cervo, 19 de marzo de 2010.- Dende o día de onte permanece instalada na prazoleta de San Ciprián a nova estrutura metálica adquirida polo Concello de Cervo gracias a un convenio por valor de 50.000 euros subscrito coa Consellería de Cultura co obxecto de financiar a compra deste material, o cal virá a complementar a infraestrutura que posúe o Concello para a celebración de actos lúdicos e culturais que habitualmente se desenvolven ao longo do ano nos distintos núcleos de poboación do termo municipal.
Segundo indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o obxecto desta instalación por parte do equipo da brigada de obras municipal é o de probar a montaxe desta estrutura e tamén comprobar que todas as pezas e partes do aparello estiveran en boas condicións.
A nova estrutura ten 15 metros de longo, 10 de fondo e 6,5 de altura. Está elaborada en aluminio, dispón de catro columnas que sustentan todo o andamiaxe e polas cales discorre un sistema de elevación con torno manual mediante cable de aceiro que facilita en gran medida as labores de montaxe e desmontaxe.
Neste senso o alcalde destacou que os propios operarios municipais estaban “moi satisfeitos” ao comprobar a facilidade de montaxe e desmontaxe da estrutura, “o que virá a gañar en operatividade para os traballadores do concello, ademais -claro está- terá os conseguintes beneficios para os organizadores de actividades, que poderán celebrar os seus espectáculos con máis comodidade e seguridade” indicou.
Segundo Villares, a adquisición deste novo material municipal veu motivada pola necesidade de poder dispor dunha estrutura que permitira protexer da choiva as distintas actividades que tanto o Concello coma as asociacións do termo municipal desenvolven regularmente.
“Vimos necesario este investimento despois de escoitar aos colectivos xuvenís e culturais que programan regularmente actuacións, concertos e obras de teatro ao aire libre no municipio. Por iso, eu mesmo me puxen en contacto coa Consellería de Cultura para materializar este convenio polo cal podemos agora dispoñer deste novo material. Deste xeito pretendemos contribuír a mellorar as condicións escénicas das súas actividades e tamén dos actos programadas polo Concello; así como de calquera outro colectivo que precise deste material para desenvolver algunha actividade dentro do termo municipal” indicou.