CERVO.- A unidade pastoral e o Concello de Cervo distribuirán huchas polos locais comerciais e de hostalería do municipio para facer unha cuestación en favor de Haití, os cartos recadados seranlle entregados a Cáritas para que os destine a axudar a este país caribeño.
Nota de Prensa
O CONCELLO E A UNIDADE PASTORAL ORGANIZAN UNHA CUESTACIÓN POPULAR EN FAVOR DE HAITÍ
* Distribuiranse huchas polos locais comerciais e de hostalería do municipio e os cartos recadados seranlle entregados a Cáritas para que os destine a axudar a este país caribeño
Cervo, 5 de marzo de 2010.- O Concello a Unidade Pastoral de Cervo veñen de por en marcha unha campaña de solidariedade cos damnificados do terremoto acaecido hai un mes en Haití.
Segundo anunciou hoxe a concelleira delegada de Servizos Sociais de Cervo, Pilar Armada, a iniciativa consiste na colocación de huchas “feitas expresamente para este fin” as cales serán colocadas en diversos locais comerciais e de hostalaría do termo municipal.
“Queremos aproveitar as vindeiras citas que temos no Concello coma a Festa do Ourizo, o día da Muller Traballadora, ou o encontro de palilleiras para tentar poder recadar a máxima cantidade de cartos” indicou Armada.
A concelleira de Servizos Sociais aproveitou tamén para facer un chamamento aos cervenses en xeral para que colaboren “na medida da medida das súas posibilidades” con esta iniciativa “que ten por obxecto aportar o noso grao de area á xente de Haití que nestes momentos precisa de axuda”.
Os cartos recadados mediante esta cuestación popular serán doados á ONG Cáritas para que sexan destinados á axuda deste país caribeño.