BURELA (FNC) .- O bipartito aprobará no pleno de mañá unha moción na que instan á Xunta de Galicia a non suprimir o Servizo Galego de Igualdade.
A tenente de alcalde, Neves Cando, di que “a parte da falla de xestión, da desidia e do desinterese do goberno do PP da Xunta en cuestións como medidas económicas serias para paliar a crise económica e frear o paro no noso país, sí que o PP destaca por destruir todo o positivo do goberno anterior. Xa o vimos no caso do decreto eólico, a supresión da gratuidade dos libros de texto, o desmantelamento das oficinas de Igualdade e Benestar, etc, etc…”.
A edil nacionalista subliña que “agora o goberno galego do PP vai suprimir o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, un organismo autónomo que se creou no ano 1991 e que xa está consolidado na realización de políticas de igualdade, na non discriminación entre homes e mulleres, na participación e integración das mulleres na vida social, cultural, económica e política e en definitiva na promoción da igualdade no ámbito familiar, laboral e político”. Cando lembra que “ningunha forza política cuestionou nunca a vixencia e necesidade deste Servizo Galego de Igualdade e agora o goberno do PP publica un anteproxecto de lei no que se propón suprimir este servizo alegando racionalización, eficacia e austeridade, pero xa sabemos por onde vai a austeridade do goberno do señor Núñez Feijoo e como a igualdade igual da, segundo declaran importantes dirixentes do PP español, agora en Galiza igual da ter ou non ter Servizo Galego de Igualdade”.
Neves Cando manifesta que “na exposición de motivos da lei do ano 1991 que creou este servizo recóllese que este organismo deberá existir mentres persista calquera tipo de situación de discriminación o que deu lugar á súa existencia, cousa que desgraciadamente aínda se cumpre, e o goberno galego propón a súa supresión por austeridade económica”.
A tenente de alcalde sinala que “desde Burela rexeitamos que sexan as políticas de igualdade as que teñan que sufrir os recortes orzamentarios motivados pola austeridade, que deixen o señor Feijoo e os seus conselleiros e conselleiras de mercar coches novos e de gastar en propaganda de galiñas azuis. Consideramos fundamental desde o Concello de Burela que continúe o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller porque segue existindo a discriminación que motivou a súa creación”.