Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicitará a retirada do POL no próximo pleno da Deputación

NOTA DE PRENSA
O BNG SOLICITARÁ A RETIRADA DO POL NO PRÓXIMO PLENO DA DEPUTACIÓN

Segundo Antonio Veiga, o POL presentado supón “un atranco para o desenvolvemento da Galiza litoral ao propor un modelo que non se axeita ao tradicional modo de asentamento das poboacións costeiras galegas”

Veiga afirmou que “non hai lugar a dúbida de que este documento estabelece un urbanismo á carta en función do cliente”

Lugo, 24 de marzo de 2010. O Portavoz do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego, Antonio Veiga, anunciou hoxe que o seu grupo vai presentar unha iniciativa na Deputación de Lugo, na medida que esta administración está obrigada a informar sobre o Plano de Ordenación do Litoral, solicitando a retirada do POL por consideralo “un atranco para o desenvolvemento da Galiza litoral ao propor un modelo de ordenación de territorio que non se axeita ao peculiar modo de asentamento dos galegos e galegas”. Para Veiga, o plano de ordenación proposto carece de documentación esencial para a súa concreción, tecnicamente é dunha grande pobreza e procede mesmamente a vulnerar o recollido na Lei 9/2002 no que ten haber co feito de que a normativa sectorial sería posterior á probación das Directrices de Ordenación do Territorio. Segundo afirmou Antonio Veiga “a importancia deste documento radica no número de Concellos aos que afecta: a todos os costeiros máis aos do Valadouro e Trabada; e pola cantidade de solo que ordena: o 2,59% do total da provincia, que representa 24.815 hectáreas, o equivalente á extensión de 24.455 campos de fútbol”.

A maiores, o portavoz nacionalista indicou que destas 9522 hectáreas que se corresponden con importantes bolsas de solo urbanizábel, na Comarca da Mariña representa unha porcentaxe de 6070 hectáreas de solo urbanizábel cuxo desenvolvemento urbanístico fica hipotecado. O Portavoz do BNG denunciou “que a prohibición dos usos residenciais en solo urbanizábel realízase sen atender a ningún criterio, é máis, faise desde unha perspectiva absolutamente discrecional sen ter en conta o carácter regrado que debe ter a clasificación do solo”. Antonio Veiga criticou semellantes desaxustes porque “non é explicábel que no Concello de Foz se prohiba edificar en 117 hectáreas de solo urbanizábel mentres que no Concello de Viveiro a limitación do terreo urbanizábel se limita a 4,62 hectáreas; ou que no Concello de Cervo se prohiba edificar en 120 hectáreas de solo urbanizábel e no Concello de Xove a limitación afecte unicamente a 0,39 hectáreas”. Segundo Veiga, unha análise detallada do POL permite comprobar o tratamento desigual que lle dan a realidades urbanísticas homologábeis e afirmou que “non hai lugar a dúbida que este documento estabelece un urbanismo á carta en función do cliente, polo que sería bo que o PP nos dixese se avala estas prohibicións nos diferentes concellos da Mariña”. Para Veiga, o POL vai acrecentar a inseguridade xurídica existente nos concellos da Mariña, atrasar plans de ordenamento municipal que xa estaban en redacción (lembrou que o único concello que ten o seu PXOM actualizado á norma do 97 é o do Vicedo), e encima non solucionará os problemas á xente de a pé, mantendo a indefinición da edificabilidade en pequenas parcelas que non estean definidas como solo urbano “consolidado”, definición a de “consolidado” que, segundo o portavoz nacionalista, foi parte do detonante do problema urbanístico creado en Barreiros.

Veiga criticou a dobre linguaxe que utiliza o PP na oposición e no goberno, e máis concretamente en relación coa coñecida lei dos 500 metros. Para Antonio Veiga “non deixa de ser curioso que o PP levase adiante toda unha campaña de insidias afirmando que o bipartito pretendía prohibir a edificación por baixo da franxa dos 500 metros, algo que era absolutamente falso, e agora sexan eles, xa non só os que prohiben construír na mesma franxa, senón os que elevan a prohibición máis arriba dos 500 metros, como por exemplo en Barreiros, onde fixan 972 hectáreas por riba dos 500 metros, ou en Foz, que a fixan en 47 hectáreas”, afirmou o portavoz nacionalista. Na mesma liña, Veiga lembrou os case dous milleiros de vivendas que deixan fóra de ordenación en toda a Comarca da Mariña, ao situalas na zona de protección, con todo o que iso significa: ”Unha vivenda fóra de ordenación é unha vivenda na que só se poden facer obras de conservación, cuxo valor catastral é cero, sobre a que non se pode concretar ningunha garantía hipotecaria e que se desvaloriza totalmente” sentenciou Veiga.

Os nacionalistas denunciaron tamén que por parte da Xunta de Galiza non hai a día de hoxe máis que boas palabras, que non se corresponden coa práctica que está a levar adiante. “Así, mentres afirman que están dispostos a introducir modificacións no documento antes de proceder á súa aprobación inicial, e curiosamente alongan o prazo de consultas até o 3 de maio, por outra banda seguen nas súas trece de pretender aprobalo inicialmente o 15 dese mes, o que imposibilita na práctica calquera tipo de modificación” aseverou Veiga.

O portavoz do BNG provincial subliñou que “nós, ao igual que os veciños e veciñas, imos formular suxestións de modificación parcial, que van servir para evidenciar que o PP o único que pretende é aprobar o documento sen modificacións, pola vía rápida e enganando todo o posíbel”. Na mesma liña, Veiga esixiu que “o Partido Popular fixe unha posición con claridade sobre este documento e que lle digan aos veciños e veciñas de Lugo que intereses defenden neste tema, particularmente se estas manobras que están realizando o consideran poñerse ao lado das persoas, tal e como pregoa o seu partido desde Compostela”.

Exit mobile version