Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove ve perigosas as estruturas de metal colocadas polo Concello nos contedores na estrada á Rigueira

Nota de Prensa

Obstáculos na estrada da Rigueira

O Bloque Nacionalista Galego de Xove ve perigosas para a seguridade viaria as estruturas de metal colocadas polo Concello para suxeitar os contedores de lixo na estrada que vai de Xove á Rigueira.

A colocación das armazóns metálicas que suxeitan os colectores invaden gran parte da calzada e, a última estrutura que veñen de instalar, provocou máis dun susto aos condutores esta pasada fin de semana, xa que se colocou xusto á saída dunha curva e non se sinalizou de ningún xeito.

Marco López, responsábel local da formación nacionalista en Xove, manifestou que cando os colectores de lixo están metidos dentro destes aparellos aínda se ven ben grazas ao seu colorido, pero que neste caso deixáronse os ferros espidos e non se lles puxo ningún aviso que advertira do perigo.

López asegurou que este xeito de distribuír os colectores a un lado e outro da estrada sen criterio ningún, como se fora un circuíto de obstáculos, está provocando moitas molestias aos veciños das parroquias da Rigueira e Monte.

No BNG de Xove son conscientes de que as críticas construtivas non lles gustan aos compoñentes do goberno municipal “porque ninguén se trabuca adrede”, pero consideran que este grave problema de seguridade viaria tense que solucionar con brevidade.

O responsábel local do BNG rematou pedindo a adhesión e a comprensión de toda a sociedade xovense, dado que “a nosa conciencia e responsabilidade impídenos adiar máis a solución a este problema” polo feito de que calquera día podería ocorrer unha desgraza e “a nosa obriga como xestores públicos consiste en adiantarnos aos acontecementos”, advertiu.

Exit mobile version