Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove recórdalle ao goberno do Concello que Xuances, Portocelo, Morás e Lago están afectadas polo POL

Nota de Prensa

Incidencia do POL en Xove

Tras as declaracións do equipo de goberno de Xove asegurando que o Plan do Litoral non terá incidencia ningunha no municipio, o BNG saiu ao paso formulándolle unha sinxela pregunta á opinión pública: “E logo, somos o único concello costeiro que non ten costa?”. “O Plan de Ordenación do Litoral ordena iso, o litoral galego, e no noso concello aféctalle de maneira singular ás parroquias de Xuances, Portocelo, Morás e Lago”, afirmaron.

Marco López, responsábel local da formación nacionalista, cualificou de “compracentes” as manifestacións vertidas desde o executivo municipal e lembroulles que nunca tiveran tanta paciencia cando na Xunta non gobernaba o PP. Actitude contraria á do grupo municipal do BNG, asegurou, que sempre deu preferencia aos intereses dos veciños.

“Non se lle pode tirar importancia a unha lei que prohibe usos residenciais, deixa fóra de ordenación vivendas de máis de cincuenta anos, determina afeccións por riba dos 500 metros de costa sen xustificación ningunha e non atende ao carácter regrado que debe ter a clasificación do solo”, advertiron desde o BNG.

Marco López quixo deixar claro que o Bloque sempre traballa para buscar unha solución aos problemas serios da sociedade xovense e por iso, ante a ausencia de disposición do executivo local, organizaron unha reunión informativa sobre o POL coa intención de minguar a “inseguridade xurídica” na que se atopa a xente. Así e todo, o responsábel local do Bloque manifestou estar disposto a colaborar co goberno municipal no que faga falta e ofreceulles, tamén a eles, o asesoramento dos técnicos do BNG en todo o que for preciso.

O cargo orgánico do BNG aclarou que, loxicamente, o Plan do Litoral non se atopa aprobado definitivamente, tal e como declarou Demetrio Salgueiro, “porque senón xa non teriamos nada que facer”. López asegurou que precisamente agora nos atopamos no período no que aínda se podería modificar a norma. “Nesta fase é cando hai que actuar e informar á veciñanza afectada para facer alegacións” e, deste xeito, “non ter que lamber despois as feridas”, sentenciou.

Segundo a propia Xunta, as alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral deberanse presentar antes do vindeiro 3 de maio, dado que a aprobación inicial do POL agárdase para mediados dese mes. Desde o BNG de Xove denunciaron que os prazos son moi curtos e aseguraron non entender tanta présa e escurantismo para aprobar unha norma fundamental para o desenvolvemento xeral do concello, a non ser que a vontade do goberno autonómico sexa a de impedir a introdución de modificacións substantivas.

Exit mobile version