NOTA DE PRENSA
O Bloque informa e o PP desenténdese
O Bloque Nacionalista Galego de Xove organizou esta pasada fin de semana un acto público e aberto co obxecto de explicar a afectación do Plan de Ordenación do Litoral no Concello de Xove. A esta convocatoria asistiron veciños das parroquias máis afectadas: Xuances, Portocelo, Morás e Lago.
Marco López, responsábel local do BNG, e mais César Mosqueira, concelleiro de Urbanismo e Ordenación do Territorio de Pontevedra, expuxeron polo miúdo as particularidades dun Plan do Litoral que entra en contradición co PXOM aprobado inicialmente coas aportacións do grupo municipal do BNG.
O responsábel da formación nacionalista en Xove iniciou o acto manifestando que quen debería estar alí explicando en que afecta o POL ás propiedades privadas da veciñanza debería ser a Administración Local, e continuou afirmando que a razón desta ausencia de explicacións por parte do equipo de goberno municipal débese á teima dos populares de “poñer por diante o interese de partido antes que o interese xeral”. López cualificou esta actitude de “pecado capital” para un xestor público.
Marco López asegurou que o grupo municipal do BNG xa leva tempo traballando na busca dunha solución ou, cando menos, en que a afectación sexa menor. O nacionalista insistiu na posibilidade de sacar adiante a aprobación definicita do PXOM de Xove e, deste xeito, poder realizar alegacións ao Plan do Litoral cunha norma municipal como base.
Por outra banda, César Mosqueira apoiou as súas explicacións en imaxes proxectadas coas que debullou a costa xovense. O experto asegurou que, desde un punto de vista técnico, o Plan do Litoral aféctalle a solo considerado urbanizábel polo Concello e que non ten en conta asentamentos tradicionais como o de Portocelo. Nesta liña, Mosqueira incidiu en que a norma deixa fóra de ordenación centos de vivendas que están dentro da influencia das esaxeradas áreas de protección e de mellora ambiental, chegando ao extremo de impedir usos residenciais “nunha superficie de 200 metros a un lado e outro de simples regatos”.
Finalmente, César Mosqueira quixo rematar poñendo en coñecemento dos veciños que a Lei do Litoral “non ten nin pés nin cabeza”, e que prohibe ou limita o uso residencial en zonas consolidadas de toda a vida, “incluso moi por riba dos 1000 metros terra adentro”.