Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo lémbralle ao PP que foi o Tribunal de Contas quen denunciou irregularidades contables

NOTA DE PRENSA
O BNG LÉMBRALLE AO PP QUE NON FOI A OPOSICIÓN QUEN DENUNCIOU IRREGULARIDADES CONTABLES EN CERVO SENÓN O PROPIO TRIBUNAL DE CONTAS

Os nacionalistas satisfeitos pola resolución de Contas piden ao alcalde que non trate de confundir e que tome nota para o futuro

O BNG non usou nunca os xulgados para atacar ao PP como así fixo este partido o día antes das pasadas eleccións municipais cos nacionalistas

Cervo, 12 de marzo de 2010. O BNG saíu ao paso das declaracións do goberno local en relación á resolución do Tribunal de Contas pola investigación aberta por este organismo das contas 2002 e 2003 do concello de Cervo. Para os nacionalistas e positivo para a imaxe do concello de Cervo que o Tribunal de Contas resolva a inexistencia de responsabilidades contables por parte do goberno local, aínda así, dende o BNG piden ao alcalde que tome nota para evitar o bochorno público de ver como os órganos fiscalizadores da facenda pública abren investigacións para aclarar sospeitas sobre irregularidades contables. O BNG lembra que esta investigación foi aberta de oficio e non por denuncias da oposición municipal, e que ao contrario do sucedido nas pasadas eleccións municipais nas que o goberno local non tivo reparos en denunciar polo penal ao BNG un día antes das eleccións para despois retirarse, o BNG nunca chegou a xudicializar o debate político para fins electorais.

Os nacionalistas ven positivo para a imaxe do concello o arquivo da causa aberta polo Tribunal de Contas e piden ao alcalde que tome nota para o futuro

O BNG considerou positivo para a imaxe municipal a resolución do Tribunal de Contas que determina a inexistencia de probas sobre irregularidades contables na fiscalización realizada de oficio sobre a contabilidade municipal nos anos 2002 e 2003. Para o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, sería bo que o alcalde tomara boa nota para que esta situación non se repita, “foi bochornoso ver como funcionarios do organismo contábel poñían patas arriba durante varios días as dependencias municipais”. O nacionalista lembra que recentemente isto volveu suceder por orde xudicial, incautándose arquivos e documentación nunha investigación por posíbel fraude contábel que aínda está aberta sen resolución.

Que o goberno local non trate de confundir xa que este proceso foi aberto de oficio e non por denuncias da oposición

Estúa aclarou que este procedemento foi aberto de oficio despois dunha investigación realizada no concello por funcionarios do Consello de Contas de Galiza que despois foi trasladada ao Tribunal de Contas, nunca por denuncias da oposición como parecen querer trasladar á opinión pública os membros do goberno local, e lóxico que dende a oposición municipal se informara á opinión pública do que sucedía, “forma parte da nosa responsabilidade de control do goberno”.

Os nacionalistas lembran que o PP utilizou o goberno local para denunciar polo penal ao BNG un día antes das eleccións municipais para despois retirar a denuncia

Xoán Estúa, deixou claro que o BNG nunca utilizou os xulgados para atacar ao goberno local, algo do que o PP non pode presumir. O nacionalista lembrou que nas pasadas eleccións municipais o PP utilizou o diñeiro dos cervenses para presentar unha denuncia polo penal contra o BNG un día antes dos comicios que aireou o día de reflexión e que posteriormente retirou sen dar ningunha explicación. Para Estúa este tipo de actuacións demostran a catadura moral de cada un.

Exit mobile version