Nota de Prensa
BNG CRITICA A RECUPERACIÓN POLO PP DOS ACTOS MEDIATICOS NA ENTREGA DAS CHAVES DAS VIVENDAS SOCIAIS DE RÍA COVO
Durante os últimos catro anos este tipo de actos facíanse a porta pechada en sen prensa para evitar a exposición pública das persoas adxudicatarias
Dende o 2001 levan anunciando estas vivendas que tivo que executar e sortear un goberno nacionalista a parir de 2005
Cervo, 22 de marzo de 2010. O BNG criticou os actos mediaticos montados polos gobernos populares do PP, tanto no concello como no Instituto da Vivenda e Solo, no que se someteu ás persoas adxudicatarias a sesións de fotos coa presenza do Director Xeral do IGUS e o alcalde de Cervo facendo entrega das chaves das vivendas. Os nacionalistas lembran que nos últimos catro anos este tipo de actos facíanse a porta pechada e sen cámaras para resgardar a intimidade das persoas e non como foi este para a súa utilización para o autobombo e a compracencia dun partido Popular que neste caso concreto mais que acelerar a execución e entrega destas vivendas, cando tiveron responsabilidades, dilataron o proceso.
Recuperación do autobombo e a propaganda mediatica na entrega de vivendas sociais en Río Covo
Os nacionalistas cualificaron de “acto de autobombo e propaganda” a entrega das chaves das vivendas sociais de Río Covo, que recupera os actos mediaticos na entrega de vivendas sociais anulados nos últimos anos para evitar a exposición pública dos adxudicatarios. O Portavoz municipal Xoán Antón Estúa, lembrou que ao contrario do sucedido coas vivendas da Lobeira, onde non se convocou prensa, neste caso someteuse ás persoas adxudicatarias á exposición das cámaras sen necesidade.
O PP mentres tivo responsabilidades de goberno dedicouse a facer anuncios e a dilatar o proceso de entrega destas vivendas.
Estúa, manifestou a súa satisfacción de que por fin se faga entrega destas vivendas, aínda que se mostrou moi crítico cos responsables populares que anunciaron a súa execución en 2001 e até o cambio de goberno na Xunta cunha Consellaría nacionalista, non se executaron as obras e se tramitou todo o proceso de selección quedando rematado antes de deixar a responsabilidade de goberno.
Para o nacionalista, “os catro anos cun cartel anunciador en Río Covo sen mais consecuencias, os dous nos que o goberno local tivo paralizado o trámite de selección provisional e o ano de espera dende a adxudicación definitiva en abril de 2009 até agora, non di moito da dilixencia do Partido Popular para tramitar este expediente, o que mellor fan e venderse a si mesmos aínda que teñan pouco que ofrecer”, rematou Estúa.