NOTA DE PRENSA
FRANCISCO JORQUERA MOSTROUSE “SORPRENDIDO POLA FALTA DE SERIEDADE DA MANEIRA DE PROCEDER DO GOBERNO” CO PACTO ANTICRISE
Jorquera criticou o “escaso contido da proposta anticrise do Goberno, a falta de indefinición de medidas concretas para Galiza” e amosou a súa sorpresa e o seu desacordo polo atraso en enviar o documento, que foi remitido a última hora da tarde de onte
Segundo explicaron Paz Abraira e Francisco Jorquera esta mañá en Lugo, todos os partidos da comisión de fomento apoiaron a iniciativa do BNG para que o Goberno acometa con urxencia as obras de mellora na N-640
O BNG tamén presentou unha proposición non de lei no Congreso dos Deputados para esixirlle ao Goberno que anule definitivamente a concesión para a construción do encoro no río Navia
Lugo, 26 de marzo de 2010. Esta mañá, a coordinadora de política institucional da Executiva Comarcal do BNG de Lugo, Paz Abraira, mailo portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, compareceron en rolda de prensa no local comarcal do BNG de Lugo para informar das iniciativas referidas a Lugo que leva a cabo o BNG no Congreso dos Deputados.
Paz Abraira explicou que o BNG, malia non ter representación directa pola provincia de Lugo no Congreso, está a desenvolver un intenso traballo a través do deputado F. Jorquera, “como dan boa mostra os resultados positivos acadados por iniciativas levadas polos nosos representantes en Madrid, como as relativas á N-640 ou ao encoro de Navia”. Para Paz Abraira, e segundo ratificou pouco despois o deputado F. Jorquera, o “bo traballo do BNG, recollendo unha demanda social xeralizada, fixo que todos os partidos da comisión de fomento apoiasen a iniciativa do BNG para que o Goberno acometa con urxencia as obras de mellora na N-640”. Deste xeito, grazas ás iniciativas levadas polo BNG ao Congreso dos Deputados, segundo explicou Paz Abraira, “logrouse que o Goberno teña que acometer con carácter de urxencia as obras necesarias para mellorar a estrada N-640 ao seu paso pola provincia de Lugo, tanto no referente ao estado do firme como á súa sinalización”. A iniciativa do BNG, aprobada pola comisión de fomento, “implica tamén que o Goberno se terá que comprometer a realizar os estudos pertinentes de reforma do trazado no Couto de A e a construción de carrís para vehículos lentos en distintos puntos da vía”, afirmou Abraira.
A coordinadora de política institucional da Executiva Comarcal do BNG de Lugo, Paz Abraira, foi moi crítica coa ata o de agora indefinición do Goberno a respecto da construción do encoro sobre o Navia, que cualificou de “proxecto absolutamente aberrante en termos sociais e ambientais, que entra en colisión con toda a normativa actual en materia de protección”. Neste camiño, dando conta da problemática xerada, Abraira explicou que o BNG dirixiu unha proposición non de lei ao Congreso dos Deputados a través do seu portavoz na cámara, Francisco Jorquera. Paz Abraira explicou que se leva a cabo esta iniciativa “porque o BNG non pode permitir que se leve a cabo unha agresión tan brutal na montaña luguesa,tendo en conta, ademais, que a concesión para a construción desta infraestrutura data dos tempos do franquismo”. Abraira lembrou que, de realizarse, “este encoro afectaría ao treito máis alto do río, precisamente a zona que posúe unha maior riqueza ambiental e paisaxística por atoparse na comarca dos Ancares”. E engadiu que “estamos falando, polo tanto, dunha zona afectada polas figuras de protección recollidas na Rede Natura e nas de Reserva da Biosfera, da que forma parte”.
Abraira explicou que, “tendo en conta o impacto ambiental e máis a durísima contestación social e institucional que a creación deste encoro tivo até o de agora (máis de 50 concellos da zona, a Deputación de Lugo e o Parlamento Galego xa o rexeitaron), o BNG cre que o Goberno debe considerar a proposta presentada polo BNG no Congreso dos Deputados e emitir un informe de impacto ambiental negativo relativo ao proxecto de construción do encoro sobre o Navia e anular definitivamente a concesión do aproveitamento hidroeléctrico deste río”. Nesta liña, Abraira pediulle “coherencia” aos partidos políticos para defender a mesma postura que manifestaron nos concellos afectados polo encoro.
Pacto anticrise e lei de caixas
Pola súa banda, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, motivado polo interese dos xornalistas presentes, manifestou as súas impresións sobre o pacto anticrise que propuxo onte o Goberno de Zapatero. En primeiro lugar, Jorquera amosouse “sorprendido pola falta de seriedade da maneira de proceder do Goberno”, e foi rotundo ao afirmar que “se o Goberno o que quere son extras para unha foto terá que ir facer o cásting a outro sitio” (referíndose ao encontro do luns). Jorquera non considera serio que, logo do Goberno non manter contactos coas outras forzas políticas desde semanas atrás, “envía este documento onte pola tarde, ofrecendo de prazo ata hoxe para facer as observacións que estimemos oportunas e solicitando unha contestación antes do domingo ao mediodía, emprazando a quen apoie o documento á xuntanza do luns no palacio de Zurbano”. Para Francisco Jorquera, isto demostra que “as intencións son meramente propagandísticas” e non de “estabelecer un diálogo real coas forzas políticas para explorar as posibilidades dun acordo”.
No tocante ao contido do documento, Jorquera lembrou que “terá que ser o BNG quen faga unha valoración máis detallada xa que o acordo está plantexado entre o Goberno e as forzas políticas, non a súa representación no Congreso, polo que terá que ser a dirección do BNG que faga a correspondente avaliación”. Non obstante, Jorquera expresou que “nunha primeira lectura xa se aprecian ausencias clamorosas en aspectos básicos para que haxa políticas eficaces de loita contra a crise económica, botando en falta medidas específicas de ordenación financeira”. Pero para F. Jorquera, aquelas ausencias máis clamorosas son as referidas a Galiza. O portavoz do BNG no Congreso afirmou que non se atenderon ningunha das propostas que formulou o BNG, “que son extraordinariamente razonábeis e que afectan a intereses básicos do noso país”. Jorquera citou como exemplo que “en materia de política industrial non se conceda importancia estratéxica ao sector da construción naval en Galiza para que poida así desenvolver todas as súas potencialidades” ou que en “materia agroalimentaria, todas as propostas que o BNG dirixiu para defender o sector leiteiro galego –elemento produtivo básico na economía rural- non aparecen por ningures”.
En resumo, Jorquera afirmou que “o método parécenos absolutamente reprobábel e o documento en si esquécese de Galiza”, polo que será a executiva do BNG quen teña que valoralo, mais “a opinión que nos merece tanto o método como o contido da proposta do Goberno é claramente crítica”.
Francico Jorquera quixo aproveitar a comparecencia pública para manifestar “a gran satisfacción para o BNG que supón que o Congreso dos Deputados aprobase unha proposición presentada polo BNG na que se instaba ao Goberno do Estado a retirar de maneira inmediata o recurso contra a Lei de Caixas de Galiza”. Para Jorquera foi un pronunciamento “inequívoco” do Congreso, “logrando o BNG conciliar o apoio de moitas forzas políticas, porque só votaron en contra o PSOE, UPN e Rosa Díez, esta última posibelmente por considerar que é unha lei de caixas galega ‘no sentido pexorativo do termo’.
Jorquera afirmou que “é unha das poucas ocasións da historia da democracia nas que o Congreso dos Deputados defende unha lei autonómica e insta ao Goberno central a retirar un recurso contra esa lei” e “pode constituír a segunda derrota parlamentar que sufre o PSOE nesta lexislatura”.