RIBADEO (FNC) .- Ribadeo está preparado para recibir aos turistas que visitan o concello durante a Semana Santa, segundo o alcalde. Fernando Suárez dixo que “hoxe, mércores, encarando o que será o plato forte da Semana Santa desde o Concello de Ribadeo tentamos estar á altura das circunstancias. Dado que agora cada vez hai máis turismo de cercanía esperamos que, si o tempo acompaña, veña moitísima xente, igual que na semana santa e no verán do ano pasado, que foi cando máis xente houbo en Ribadeo na historia”.
O rexedor explicou que “preparamos a oficina de turismo, que estará aberta tódolos días, o entorno das praias está cuidado e o ámbito urbano tamén está listo para recibir aos que nos visitan estes días”.
Suárez Barcia constatou que “nunha serie de establecementos hoteleiros e hosteleiros o número de reservas é importante e espero que sexa así para todos. Á volta de semana santa creo que imos facer un balance positivo, pero hai unha incógnita que o alcalde de Ribadeo, por moita boa fé que teña, non pode controlar, que é o tempo. Confiemos en que sexa agradable e que permita que moita xente galega e doutros territorios e países acudan nesta semana santa a Ribadeo”.