CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, intenta descualificar aos edís do PSOE para rebater as “últimas críticas que dirixen contra o equipo de goberno”. Villares defende “a seriedade e honestidade do traballo da delegada de asuntos sociais na organización do Día da Muller”
Nota de Prensa
O rexedor municipal sae ao paso das últimas críticas do PSOE e subliña que con elas demostran a súa obsesión permanente por crispar aos veciños e enlodar a vida pública local con informacións manipuladas ou manifestamente falsas
ALFONSO VILLARES: “OS SOCIALISTAS DE CERVO ADEMAIS DE MALOS POLÍTICOS SON MALAS PERSOAS”
* O Alcalde defende a seriedade e honestidade do traballo da delegada de asuntos sociais na organización do Día da Muller.
* No PSOE só buscan a foto, como se demostrou coa súa visita á estrada da Deputación en Rúa: A edil socialista retratouse ante as cámaras pero non mandou corrixir as deficiencias nesta obra denunciadas polos veciños e polo Concello.
Cervo, 13 de marzo de 2010.- Alfonso Villares está convencido que os edis socialistas ademais de malos políticos son malas persoas. Así o veñen demostrando coas últimas críticas que dirixen contra o Equipo de Goberno e coa súa permanente obsesión por crispar aos veciños e enlodar a vida pública local vertendo informacións manipuladas ou manifestamente falsas.
“Exemplo do que estou a dicir foi cando desde o PSOE valoraron o arquivo da investigación seguida polo Tribunal de Contas.” –explicou o Alcalde- “Despois de ter insinuado pouco máis que os membros do Goberno municipal cometeron un delicto, o tempo vén a dar a razón ao Goberno, e os socialistas lonxe de rectificar e pedir perdón, continúan coas súas insinuacións e mentiras, cando son eles os que máis deberían ser prudentes”
DÍA DA MULLER
O rexedor municipal tamén quixo saír en apoio do traballo que está a desenvolver o seu Equipo de Goberno e nomeadamente a delegada de asuntos sociais, Pilar Armada, de quen subliñou a súa total honestidade e seriedade no exercicio das súas funcións. Villares entende que as críticas efectuadas polo PSOE á celebración do Día da Muller denotan “a mala fe que sempre lles move e a súa intención de provocar enfrontamentos continuos en todos os asuntos”.
Subliña ademais que todos os asistentes así como os grupos participantes no encontro –asociación de Mulleres Alborada, coral Terra Mar, e grupo de teatro O Bordelo- eran sabedores de que non se trataba dun acto político senón dunha actividade máis organizada polo Concello. O Día da Muller como outros moitos actos “foron presentados publicamente, non tiñan polo tanto un carácter institucional e non requiren de invitacións previas a ningún colectivo, pois todos os veciños, incluídos os edis do PSOE, poden acudir libremente”. De calquera xeito as críticas non deixan xerar “certa sorpresa” no Alcalde “tendo en conta que, en moitos dos actos aos que son convidados non acode ningún concelleiro socialista, brillan pola súa ausencia”, como aconteceu pro exemplo no caso das xornadas do ourizo, recentemente celebradas.
O PSOE SÓ BUSCA A FOTO
O Alcalde demanda ao Grupo Municipal Socialista tamén coherencia nos argumentos que empregan e na súa forma de actuar. Porque o verdadeiramente indignante é que veña alguén da deputación á visitar unhas obras que se están a desenvolver neste termo municipal –en referencia á estrada de Rúa- e non falen co alcalde, co representante lexítimo dos cervenses ou con alguén do Equipo de Goberno, incorrendo nun exemplo evidente de desprezo institucional. De calquera xeito o que aínda é máis preocupante “é que a súa visita simplemente valga para facerse a foto e non para dar as intruccións oportunas que permitan corrixir as deficiencias detectadas no desenvolvemento destas obras e das que son plenamente coñecedores porque así se lles comunicou, tanto polos propios veciños afectados como formalmente polo Concello. “Está claro que só pretendía facerse a foto”-insiste.