BURELA . O alcalde de Burela viaxará mañá a Santiago para manter unha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Será a partires das 18 horas en San Caetano. Con el falará de asuntos de interese para Burela coma o abastecemento de auga, os accesos ao porto, o hospital, o POL ou o Plan Xeral. Alfredo Llano quere “facerlle chegar ao presidente as preocupacións que temos na vila neste momento”.
Por outra banda, nas últimas horas o rexedor burelés mantivo un encontro do subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe, e con técnicos de Costas cos que “estivemos a falar da dotación de servizos á praia de Ril, as obras suporán un investimento de 128.000 euros. O proxecto xa foi aprobado no mes de decembro pasado e agora está pendente de licitación e agardamos que este ano estea en marcha e si é posible rematado”. O rexedor lembrou que “consiste en mellorar ese entorno creando novos aparcamentos, parque infantil e de adultos e dálle moito valor a ese areal”. Llano dixo que “tamén falamos da dotación de servizos á praia do Cabaliño e do Portelo, ten un presuposto de 224.000 euros, xa está enviado o proxecto desta actuación desde o 14 de decembro do pasado ano e é posible que se inicien deste 2010”.
Alfredo Llano valorou de xeito moi positivo “esa actuación que queremos facer na praia do Perdouro e que ten un orzamento que rondará os 2,5 ou os 3 millóns de euros. Alí vaise recuperar ese espacio para uso público en xeral, para a nosa poboación e para os turistas que nos visiten, porque está moi cerca duns restos arqueolóxicos e do paseo do Cantiño e ven a agrandar a oferta de areais que temos no noso concello. Consideramos que é posible que para o ano que vean estea en marcha”. O alcalde de Burela demandoulle aos técnicos de Costas e ao subdelegado do Goberno que “se mellore o mantemento dos dous paseos tanto na Marosa como no Cantiño, que se repoñan as luminarias rotas e que deste xeito se anime á xente a pasear por eles. Tamén estamos executando obras na praza do Portelo, que agardo que ao remate quede moi atractiva e a instalación dunha pantalla antiaérea alí no Portelo e pendente está a recolocación da escolleira da Marosa, que é moi importante para evitar os efectos do mar sobre a praia. Xa estaba solicitada esta obra hai tempo e é posible que se execute nos vindeiros meses para que estea lista de cara á vindeira época estival”.