A voceira de Queremos Galego na Mariña, Dores Fernández Abel deu lectura ao manifesto e fixo referencia ao toque de atención que a sociedade galega lle deu na xornada de onte a política lingüística da Xunta de Galiza e urxiu ao Goberno de Feijoo a que volva ao consenso sobre o idioma expresado polo Plano de Normalización Lingüístico aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza. “Non podemos consentir que desde unha institución que nace ao abeiro dunha lei orgánica”, en referencia a Xunta, “que entre os seus obxectivos se marca a promoción da lingua galega, se proceda a un ataque contra o idioma sen precedentes desde o final do franquismo” afirmou Fernández Abel, quen recordou a crítica situación que vive o idioma galego nomeadamente nos ámbitos urbanos e nos segmentos máis novos da sociedade galega.
A Portavoz de “Queremos Galego” fixo fincapé “na difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. A ese estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados ate o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura”. Fernández Abel chamou “a transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua”.