Site icon Crónica3.com A Mariña

Localizaron no río Covo en Cervo un xacemento arqueolóxico do Paleolítico

CERVO .- A asociación MariñaPatrimonio informou ao servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura do lugar no que se atopa un novo xacemento arqueolóxico do Paleolítico inferior, nunha terraza fluvial do río Covo, no que se recolleron útiles “que poden ter unha antigüidade de 300.000 anos, son o testemuño máis antigo de presenza humana na Mariña”.

Nota de Prensa

MariñaPatrimonio informa ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura do lugar  no que se atopa un novo xacemento arqueolóxico do Paleolítico inferior.

A semana pasada MariñaPatrimonio púxose en contacto con Patrimonio para informar sobre o achado casual duns útiles líticos nunha terraza fluvial do río Covo, río que desemboca en San Cibrao (Cervo).

Na xornada de hoxe o arqueólogo da Consellería de Cultura, acompañado por membros de MariñaPatrimonio, achegouse ao lugar para recadar información sobre a zona e recolleu 12 útiles líticos, entre os que se atopan raedeiras, fendedores e bifaces. Este tipo de útiles líticos, que poden ter unha antigüidade de 300.000 anos, son o testemuño máis antigo de presenza humana na Mariña.

Co achado  deste novo xacemento, confírmase unha vez máis a enorme riqueza arqueolóxica e patrimonial do concello de Cervo.

Exit mobile version