LUGO .- Esta tardiña, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, acompañado do alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e do presidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez, inaugurou no salón de actos da Deputación de Lugo a primeira das conferencias do ciclo sobre o ferro que organiza a asociación cultural LugoPatrimonio. Este ciclo sobre a historia do ferro en Galiza é un programa de actividades que comprende conferencias, mesas redondas e visitas a lugares de interese, e que organiza LugoPatrimonio co apoio da Área de Cultura da Deputación e do Concello de Riotorto, xa que neste municipio terá lugar unha das actividades que inclúe o ciclo.
O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, afirmou que “desde a Área de Cultura da Deputación sempre se tenta apoiar as asociacións culturais activas, que deben ser os auténticos motores para a dinamización cultural dunha zona, do que constitúe todo un exemplo LugoPatrimonio”. Bao tamén manifestou o seu agrado pola organización deste tipo de actividades “que afondan no coñecemento da historia colectiva dun pobo, o galego, e permiten observar como durante séculos se foi edificando unha identidade común que perdurou até os nosos días”.
A conferencia inaugural do ciclo do ferro correu a cargo do arqueólogo Anxo Concheiro Coello, que foi durante varios anos arqueólogo da Deputación da Coruña e actualmente realiza a súa función como director técnico da empresa Arquestudio S.L. A conferencia xirou entorno á Idade do Ferro na Galiza e desenvolveuse con diversas proxeccións a respecto dos castros e outra riqueza que temos pola Galiza como expoñente desta etapa histórica.
Este ciclo do ferro terá continuación o vindeiro 27 de marzo cunha viaxe ao Barbanza para visitar a riqueza megalítica e castrexa da zona. Xa nos meses de agosto e outubro desenvolveranse o resto de actividades programadas que responderán a esta mesma fórmula de organización, cunha conferencia ou mesa redonda sobre un tema específico da historia do ferro para pasar despois á viaxe cara a zona onde poder ver e comprobar eses coñecementos.