BURELA (FNC) .- A Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela informa que, durante toda esta semana, as monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia están a desenvolver actividades no CEIP Virxe do Carme e no CEIP Vista Alegre para conmemorar o Día da Árbore, que se celebra o día 21 de marzo.
Segundo explica Lucía Bouza “este ano, as dúas monitoras propuxeron unha actividade para desenvolver durante toda a semana cos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria e que consiste nun xogo de pistas para descubrir o nome dunha árbore autóctona. En cada colexio haberá unha clase gañadora que recibirá esa árbore como agasallo para plantar no xardín do seu respectivo colexio. Ademáis os alumnos e alumnas gañadores recibirán tamén como agasallo un libro para cada un”.
A edil socialista agradece “a colaboración que os dous centros educativos nos brindan sempre para desenvolver este tipo de campañas de educación medioambiental”.