Entre as nosas lecturas desta fin de semana cómprenos subliñar a dun libro entrañable que ten o encanto que sempre engade ó tratarse de feitos e persoas que nos resultan próximas, “Enseñanza, Mar y Cultura en San Ciprián”. O enunciado responde ás coordenadas que enmarcaron a experiencia vital dun home excepcional: don Francisco Rivera Casás. Nado en Viveiro, durante mais de 50 anos exerceu o maxisterio na vila da Maruxaina plenamente identificado coa súa paisaxe e a súa paisanaxe á que dedicou tódolos esforzos, dende a entrega e o altruísmo, pola mellora cultural e social dos seus veciños. E a fe que o logrou; mesmo en tempos de tantas penurias, ás que os ensinantes non foron alleos. Os sancibrenses, xentes de fonda vocación mariñeira, pois como di o autor : “el que pasa la vida / mirando siempre al mar / sus aguas misteriosas / siente ansias de cruzar”atoparon nel o gran valedor, impartindo ó longo de décadas as ensinanzas marítimo- pesqueiras, o que fixo elevar os coñecementos profesionais e humanos, e moitos deles acadasen sona como expertos navegantes, altamente cualificados, desempeñando ó longo de sucesivas xeracións cometidos importantes no mundo da navegación.Pero mais alá desta visión, e da permanente actividade intelectual, don Francisco é o arquetipo do cabaleiro e exemplo para a cidadanía, sempre digno de imitar.A súa elegancia persoal, que desborda a impecable presencia; a delicadeza dos modais, a modestia e sempre o trato amable e correcto, é un imán que atrae e reflicte unha singular personalidade; en definitiva, é un “mestre da vida”.
O libro, autobiográfico, é un canto de amor a esta terra, á súa historia e ás súas xentes: medio natural e humano co que convive en total comuñón.Un vello e histórico edificio acolle o Museo do Mar, orgullo da vila e da Mariña; o museo e don Francisco son a mesma cousa. Él, próximo a cumplir os 100 anos, é unha prolongada e infrecuente lección de vida.
Lea tan aleccionador libro, lector amigo, A nós serviunos, entre outras cousas, para reafirmar a vella admiración e o afecto que sentimos por tan preclaro persoeiro.