LUGO .- Técnicos da Deputación, Xunta e Concello de Lugo participaron este mércores nunha mesa de traballo na que se abordou a posible prestación de servizos do parque da cidade á área de Lugo e buscar as fórmulas xurídicas que permitan a comarcalización, de xeito que se garanta a cobertura en materia de extinción de incendios a esa zona da provincia. O Deputado da Rede Viaria Provincial e representante no Consorcio Provincial de Bombeiros, Juan José Díaz Valiño, lembrou que “hai dúas semanas celebrouse o Pleno no que se falaba de tratar de chegar a un acordo cos Concellos que xa teñen parques, é dicir, os de Monforte de Lemos e de Lugo, de forma que non quede ningunha zona escura na provincia ante calquera imprevisto que obriguen ós bombeiros a desprazarse a calquera dos municipios que forman a provincia”.
Neste senso, Valiño apuntou que “neste marco de colaboración tivemos unha xuntanza en Monforte hai uns días no que vimos a absoluta disposición por parte deste municipio a integrarse no Consorcio, e se fixo unha análise dos medios materiais e humanos do seu parque. A intención de hoxe é que o municipio lugués colabore neste Consorcio para dar un paso adiante e a provincia estea totalmente atendida na prevención de incendios”.
O Concelleiro de Protección da Comunidade e representante do Concello nesta xuntanza, José Rábade, amosou a disponibilidade en participar por parte do municipio da capital ó tempo que explicou as 3 vías a seguir: estudar a viabilidade xurídica da colaboración, é dicir se esta se fai a través de convenio ou de integración no Consorcio; tipo de ordenanzas a modificar; e elaboración dun informe técnico das necesidades de persoal e material que tería a mariores o parque da capital. Neste senso, apuntou que “se o informe e a vía xurídica son asequibles entraríase a negociar cos integrantes dos parques de bombeiros para estudar a posible implicación”.
O Concelleiro destacou, ademais, que os traballadores son municipais, polo que a súa disponiblidade ten que ser condición indispensable na negociación. O que se trata é de que o parque de Lugo cubra parte das necesidades do Consorcio na área de Lugo, que está formada polos 7 Concellos limítrofes: Corgo, Friol, Pol, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Castroverde, Guntín e Rábade. Nesta prestación tamén se inclúe o municipio de Rábade.
Na xuntanza tamén se fixou unha nova reunión para mediados deste mes na que se dará conta do informe que elaborarán os técnicos do Concello de Lugo e se definirán novos pasos a seguir na posta en marcha dos parques. A este respecto o Deputado provincial lembrou que “en 2010 abriranse as instalacións de Barreiros, Chantada, e Sarria. Asimesmo, en maio rematarán as actuacións no parque de Vilalba e, a finais de ano, as de Viveiro, para que ambos os dous estén en funcionamento en 2011.
Ademais do Deputado provincial e do Concelleiro da Protección da Comunidade, na mesa de traballo tamén participaron o Subdirector Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, José Antonio Fernández, o Secretario Xeral do Consorcio, José Antonio Mourelle, e o Secretario e a Xefa de Persoal do Concello de Lugo, Luis Regal e Marta López.