Nota de Prensa
AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS IMPARTEN CLASES A 211 ALUMNOS DE TÓDALAS IDADES NA PRESENTE TEMPORADA
* Representantes municipais e responsables da empresa encargada da xestión deste servizo reuníronse hoxe para facer balance
Cervo, 5 de marzo de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, reuníronse esta mañá cos responsables da empresa IG10 -encargada da xestión das Escolas Deportivas Municipais- para facer un balance deste servizo municipal que o Concello está a brindar dende hai tres anos.
Na presente temporada, 2009-2010 participan nas distintas actividades das Escolas Deportivas Municipais (EDM) un total de 211 alumnos de tódalas idades repartidos do seguinte xeito:
MODALIDADE | INSCRITOS | LUGAR DE CELEBRACIÓN | |
Fútbol Sala | 29 | Pavillón da Veiga (San Ciprián) | |
Baloncesto | 27 | Pavillón da Veiga (San Ciprián) | |
Patinaxe artística | 28 | Pavillón do CEIP de Cervo | |
Ximnasia rítmica | 15 | Pavillón do CEIP Cervo nº (San Ciprián) | |
Aeróbic | 5 | Pavillón do CEIP de Cervo | |
Tenis | 17 | Pavillón da Veiga (San Ciprián) e Pavillón do CEIP de Cervo | |
Xogolandia (xogos predeportivos) | 14 | Pavillón do CEIP de Cervo e Pavillón da Veiga (San Ciprián) | |
Ximnasia mantemento (adultos) | 19 | Sala multiusos da Casa do Mar (San Ciprián) | |
Ximnasia mantemento (adultos) | 19 | Antigo Concello (Cervo) | |
Aeróbic (adultos) | 21 | Sala multiusos da Casa do Mar (San Ciprián) | |
Pilates (Adultos) | 17 | Sala multiusos da Casa do Mar (San Ciprián) | |
TOTAL INSCRITOS: | 211 |
Estas actividades están cumprimentadas con outras como son a participación dos alumnos en competicións con outras escolas deportivas e en torneos escolares, xunto con excursións para practicar deportes e tamén para asistir a partidos de competicións de categorías nacionais de diversas modalidades deportivas.
Segundo o alcalde, Alfonso Villares, as Escolas Deportivas de Cervo “gozan de boa saúde”. Na súa opinión a consolidación do servizo reflíctese no incremento de inscritos acadado este ano, sobre todo no tramo de idades que van dos 3 aos 7 anos e onde as inscricións pasaron de 32 na temporada pasada a 46 na presente, “o que supón unha suba de máis do 43 por cento e polo tanto, garanten o futuro das Escolas” salientou.
Villares destacou tamén a gran acollida que están a ter as Escolas Deportivas na súa modalidade de adultos, “o que fixo decidirnos a manter tamén a celebración das clases para esta modalidade en períodos de lecer coma o Nadal, Entroido ou Semana Santa” sinalou. Neste senso adiantou que para a vindeira temporada estudarase a posibilidade de ampliar a oferta para adultos “polo gran número de inscritos que temos na actualidade”.
Pola súa banda, o responsable de Deportes, Rubén Fernández, indicou que as actividades con máis aceptación das Escolas Deportivas son o baloncesto, o fútbol sala e a patinaxe artística e destacou o aumento dos deportes de equipo. “Na temporada pasada en baloncesto tiñamos dous equipos e na presente contamos con 3: un de iniciación, un en categoría alevín, e outro de cadetes. E o mesmo pasa en fútbol sala” indicou. Fernández tamén destacou o incremento “moi notable” nas inscricións en deportes individuais. “En tenis pasamos dos 13 inscritos do ano pasado aos 17 neste; en rítmica de 7 a 15; en aerobic de non ter inscritos a 5; e en xogos predeportivos de 7 a 14” dixo.
O alcalde e o concelleiro de Deportes aseguraron que o grupo de Goberno local está convencido da importancia de desenvolver unha política de fomento da convivencia, da saúde e da participación activa dos seus veciños, “por iso impulsamos hai tres anos estas escolas, para promover a práctica deportiva e o uso continuado das múltiples instalacións das que o noso municipio dispón ao longo de todo o seu termo municipal. Na nosa intención está a de incrementar o nivel de vida e de benestar social dos veciños e veciñas de Cervo e entendemos que, a través do deporte, se contribúe en boa medida a este obxectivo” indicaron.