Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza a programación cultural de primavera do concellos de Burela con teatro, música e exposicións

BURELA (FNC) .- Este venres 5 de marzo comezan en Burela a programación cultural de primavera coa representación teatral da obra O secreto dos Hoffman da compañía Lagarta Lagarta. Será ás 21:30 horas no auditorio da Casa da Cultura. Segundo a edil nacionalista Neves Cando “con esta peza iniciamos o ciclo de primavera que incluirá unha vez máis teatro para adultos e infantil, música e exposicións de arte”.

A segunda cita do teatro adulto será o 18 de marzo coa obra O velorio de Xan do Perolo a cargo do grupo de teatro Axóuxeres de Vilaronte “con esta posta en escena quere aportar o seu grao de area de solidariedade ante o terrible o terremoto que asolou Haití hai agora case dous meses”. O 26 de marzo Mofa e Befa porá en escena a obra Shakespeare para ignorantes, o 9 de abril a compañía Tres Patas para un Banco escenificará a obra Onde estás corazón, o 30 de abril Teatro do Morcego representará Kwetch, unha comedia sobre a ansiedade e o 21 de maio Talía Teatro porá en escena a obra Palabras encadeadas. Todas as representacións serán ás 21:30 horas no auditorio da Casa da Cultura.

A concelleira de Cultura, Neves Cando, asegurou que “no caso dos nenos seguimos apostando por unha oferta variada para este público infantil que comezará o 13 de marzo coa obra Pingueiras e tarteiras de Teatro do Andamio”. O ciclo de teatro infantil continuará o 10 de abril. Ese día Galitoon porá en escena a obra Rosalía, a pulga que escribía. E o 15 de maio os máis pequenos poderán gozar de Bicharadas de Berrobamban. Todas as obras serán ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura.

Música

A música ten espazo propio na programación cultural de primavera do Concello de Burela. O 23 de abril ás 21:30 horas haberá concerto da Burela Blues Band, o 24 de abril ás 19 horas concerto de música moderna a cargo da Escola de Música de Silleda, Estudio Escola de Santiago e da Escola de Música de Burela. O 7 de maio ás 21:30 horas concerto de Marosa Jazz Project. O 8 de maio ás 20:00 horas terá lugar o festival das letras galegas da Coral Polifónica de Burela. O 12 de xuño ás 20:30 horas haberá concerto da Orquestra de Xove e a Coral do Hospital Xeral de Lugo e o 21 de xuño ás 20 horas será o concerto fin de curso da Escola Municipal de Música de Burela.

Exposicións

Do 26 de marzo ao 16 de abril terá lugar o certame de arte Galería Burela 2010. Durante todo o mes de maio na sala de arte do Concello poderase ver a exposición de Embarcacións tradicionais do arco Ártabro, Ortegal e Mariña de Lugo e a tamén exposición fotográfica Elas sempre están da Secretaría da Muller. Durante todo o mes de xuño será posible gozar cos traballos realizados nos obradoiros do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Burela.

Galería Burela

Neves Cando anunciou que “durante toda esta semana está aberto o prazo para presentar obras á edición número quince do certame de arte Galería Burela que organizamos desde a Delegación de Cultura. Todos os artistas que o desexen poderán presentar as súas obras orixinais nas dúas modalidades pintura e escultura, sendo admitidas todas as técnicas, procedementos, tendencias e correntes estéticas. Terán que enviar as súas obras á Biblioteca Pública Municipal acompañándoas dun dossier fotográfico e dunha breve biografía do autor ou autora”. O fallo do xurado darase a coñecer durante o tempo que dure a exposición e a entrega de premios terá lugar o 16 de abril ás 20 horas na sala de arte da Casa da Cultura. Os premios establecidos para cada categoría son 1.800 euros e diploma para o primeiro, 1.200 euros e diploma para o segundo e diploma e figura representativa do certame para o terceiro. A edil de Cultura agarda que “a participación nesta edición de Galería Burela sexa igual ou maior que na pasada, onde 41 artistas en pintura e 23 en escultura presentaron as súas obras a este certame de arte do Concello de Burela”.

Exit mobile version