SANTIAGO .- O sindicato CIG-Saúde non participará nun acto da Consellería de Sanidade por consideralo “propagandístico de baixa efectividade” e recorda temas pendentes de negociar coa administración sanitaria da Xunta como a suspensión dos acordos asinados na Mesa Sectorial, a suspensión do Plano de Mellora da Atención Primaria e do Plano de Saúde Mental, a colexiación obrigatoria ou a privatización da sanidade, entre outros .
NOTA DE PRENSA
As/os delegadas/os de CIG-SAÚDE non acudirán ao acto convocado no día de hoxe pola Conselleira de Sanidade:” Escola de participación cidadán”; por entender que a Consellaría de Sanidade adícase en exclusiva a facer actos con carácter propagandístico e de baixa efectividade.
Desde a toma de posesión desta conselleira vimos denunciando o ninguneo absoluto que exerce a Consellaría sobre a representación sindical e os órganos de negociación. A práctica habitual deste consellaría é non negociar os temas na Mesa Sectorial e con total obscurantismo publica no DOG as medidas que por Lei deberían pasar previamente pola Mesa Sectorial.
A parálises que sufriu a Mesa Sectorial neste ano de goberno, non é parangonable con ningunha outra época; nin cós 16 anos do anterior goberno do PP. Son múltiples os temas que temos pendentes de negociar, creando un clima de crispación laboral onde amosan, cada dia máis, a súa incapacidade para o diálogo social e para o diálogo cas/os traballadoras/es.
Entre os numerosos temas que temos pendentes de negociar e os que publicaron, sen previa comunicación, cabe subliñar entre outros:
.- Suspensión dos acordos asinados na Mesa Sectorial.
.- Suspensión do Plano de Mellora da Atención Primaria e do Plano de Saúde Mental.
.- Colexiación Obrigatoria.
.- Privatización da Sanidade.
.- Negativa a Negociar a Carreira Ordinaria.
.- Diminución dos cadros de Persoal e do nº de contratos.
.- Selección definitiva.
Desde CIG-SAÚDE seguiremos reivindicando que esta Admón cumpra a lexislación vixente en materia de representación sindical.