CERVO .- O Concello de Cervo subvencionará con 300 euros aos veciños que teñan que instalar un receptor satélite para poder ver a TDT. Os beneficiarios con dereito a percibir esta axuda deberán certificar que se trata da súa vivenda habitual e deberán aportar tamén un informe técnico onde se certifique que no seu domicilio non se recibe o sinal.
Nota de Prensa
O CONCELLO SUBVENCIONARÁ CON 300 EUROS AOS VECIÑOS QUE TEÑAN QUE INSTALAR UN RECEPTOR SATÉLITE PARA PODER VER A TDT
* Os beneficiarios con dereito a percibir esta axuda deberán certificar que se trata da súa vivenda habitual e deberán aportar tamén un informe técnico onde se certifique que no seu domicilio non se recibe o sinal da TDT
* As axudas concederanse en función do nivel de renda dos solicitantes
Cervo, 30 de marzo de 2010.- Diante do inminente corte da sinal analóxica das televisións xeneralistas, o Concello de Cervo ten decidido articular unha axuda de 300 euros para aquelas vivendas do termino municipal que non podan captar o sinal da televisión dixital, así o anunciou hoxe o rexedor local, Alfonso Villares.
O alcalde lembrou que hai aproximadamente un mes “e aproveitando a posta en servizo dos reemisores que dan cobertura ao noso noso concello”, técnicos municipais fixeron diversas comprobacións da potencia de sinal da TDT en Daián e Figueirido, os dous núcleos de poboación do municipio que presentan as maiores dificultades para a recepción desta sinal.
“Despois disto, e vendo que aínda existían algunhas zonas de sombra, decidimos poñer en marcha esta liña de axudas con fondos municipais para que aqueles veciños que actualmente non poden recibir o sinal da TDT nos seus fogares instalen un receptor satélite que lles permita o visonado das distintas canles de televisión” indicou o alcalde.
Os beneficiarios con dereito a percibir esta axuda deberán certificar que se trata da súa vivenda habitual e deberán aportar tamén un informe técnico dun antenísta ou instalador oficial onde se certifique que no seu domicilio non se recibe o sinal da TDT e que a única opción para a recepción é a colocación dun aparato vía satélite.
Alfonso Villares dixo tamén que as axudas concederanse en función do nivel de renda dos solicitantes, “xa que pensamos que é o requisito máis xusto e ecuánime” indicou.
“Dende o Concello de Cervo séguenos a parecer chocante como a Administración estatal decide unilateralmente cortar o sinal analóxico sen resolver o problema económico daquelas persoas que viven en núcleos de menos de 50 habitantes con problemas de recepción, e que por estar en zonas de sombra teñen que gastar entre 400 e 600 euros por uns dispositivos vía satélite. Por iso, queremos colaborar na medida do posible neste desembolso e garantir así a recepción da televisión dixital terrestre para os veciños de todas as zonas do noso termino municipal” sinalou.