Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo recepcionou as obras da fase C do polígono de Cuiña que ocupan 137.624 metros cadrados

CERVO .- O Concello de Cervo recepcionou as obras da fase C do polígono de Cuiña que teñen unha superficie bruta de 137.624 metros cadrados, dos que 41.000 son de superficie neta e conta con 22 parcelas.

Nota de Prensa

O CONCELLO DE CERVO RECEPCIONA A FASE C DO POLÍGONO DE CUÍÑA

* Xestur sacou hai unhas semanas novamente a concurso a adquisición de parcelas nesta zona ao quedar deserto a anterior convocatoria realizada en setembro do ano 2008

* As condicións de compra desta nova convocatoria foron sensiblemente modificadas ao comprobarse que as anteriores eran moi ríxidas e polo tanto, pouco atractivas para os interesados en adquirir parcelas neste polígono.

Cervo, 25 de marzo de 2010.- Despois de ter rematado o período dun ano de garantía, o concello de Cervo recepcionou oficialmente hoxe as obras   da fase -C- do polígono industrial de Cuiña por parte da empresa Xestur, promotora desta área industrial.

A construción desta fase supuxo un investimento total de 1.148.100 euros. Ten unha superficie bruta de 137.624 metros cadrados, dos que 41.000 son de superficie neta e conta con 22 parcelas.

Así mesmo, cabe lembrar que nesta zona, ademais da urbanización das parcelas e das vias urbanas, xunto coa rede de servizos básicos (luz, auga, rede de sumidoiros, etc…) tamén se levou a cabo a colocación duns colectores que darán servizo para que as augas residuais da nova rede de saneamento de San Ciprián poda chegar ata a futura estación depuradora, que irá ubicada neste polígono.

MÁIS ATRACTIVO

Ao marxe do acto de recepción das obras, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quixo destacar que a empresa Xestur sacou hai unhas semanas novamente a concurso a adquisición de parcelas desta zona do polígono ao quedar deserto a anterior convocatoria realizada en setembro do ano 2008.

Neste senso Villares salientou que as condicións de compra da presente convocatoria foron sensiblemente modificadas respecto da anterior ao comprobarse que eran “moi ríxidas e polo tanto pouco atractivas” para os interesados en adquirir parcelas neste polígono.

“Deste xeito o que se pretende é flexibilizar na medida do posible as condicións de compra de ditas parcelas, axustándose á conxuntura económica actual e que é a mesma que á de hai un ano cando se fixo o primeiro concurso. Búscase pois, facer así máis atractiva a construción de empresas nesta área industrial” indicou o alcalde.

Villares destacou tamén que, ademais de flexibilizar as condicións de compra, o actual prego atalla tamén problemas coma a posible especulación do solo mediante un dereito de retracto máis limitado, cousa que non no anterior prego de condicións elaborado polo goberno bipartito da Xunta quedaba moi minguado e polo tanto era propicio á especulación de prezos.

O mandatario cervense valorou positivamente esta modificación de condicións de compra nas parcelas do polígono de Cuíña “porque deste xeito pensamos que facilitará o asentamento de máis industrias neste polígono e en definitiva contribuirá a xerar riqueza e traballo entre os nosos veciños, algo fundamental e moi necesario nestes tempos que estamos a vivir” concluíu Villares.

Exit mobile version