Nota de Prensa
O CONCELLO PON EN MARCHA UN CONCURSO FOTOGRÁFICO PARA CELEBRAR O DÍA DO MEDIO AMBIENTE
Cervo, 31 de marzo de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Armada, presentaron esta mañá nas oficinas municipais o cartel anunciador do primeiro concurso fotográfico sobre o Medio Ambiente “Cervo Respecta”.
Segundo explicou Pilar Armada, esta iniciativa, que correu a cargo da delegación de Medio Ambiente, xorde para celebrar o Día do Medio Ambiente, que ten lugar anualmente o 5 de xuño. “Pensamos que era unha boa idea poñer en marcha un concurso fotográfico onde os aficionados podan amosar as súas creacións baseadas na natureza e tendo como base o seu respecto ao medio e á conservación do noso patrimonio natural” indicou a edil.
O certame está aberto a todos os interesados (xa sexan profesionais como afeccionados) e estableceu dúas categorías: xuvenil e adultos. Os premios consistirán en:
* Categoría adultos:
o 1º- Cerámica de Sargadelos + vale de 100 euros a gastar en establecementos do Concello de Cervo
o 2º- Cerámica de Sargadelos
* Categoría xuvenil:
o 1º- Vale de 100 euros en material deportivo
o 2º- Material escolar
Poderanse presentar un máximo de 3 fotografías por participante, teñen que ser orixinais e inéditas e terán que haber sido sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia. Deberanse presentar en formato dixital (JPEG) en alta calidade (sen compresión) a unha resolución mínima de 2048 píxeles sen limitación de tamaño en MB.
As fotografías presentaranse ou enviaranse nun sobre pechado consignando nel: “I Concurso Fotográfico de Medio Ambiente -Cervo Respecta” e contendo nel un CD coas imaxes a concurso, o título de cada foto e unha descrición co lugar e provincia onde foi tomada cada instantánea. Ademais deberán incluír un sobre pechado cos datos completos do autor.
As imaxes e a documentación presentaranse antes do venres 21 de maio na Casa do Concello ou na Casa da Cultura de San Ciprián. Tamén se poderán enviar con tódolos datos anteriormente sinalados a seguinte conta de correo electrónico: medioambiente@concellodecervo.com.
O fallo do xurado farase público o día 31 de maio e a entrega de premios celebrarase o sábado, 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.