Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebráronse as probas de selección de candidatos para un curso de ebanistería en Cervo

CERVO .- Na aula de usos múltiples do Ecomuseo de Cervo celebráronse probas para a selección dos 15 candidatos para participar no curso de ebanistería organizado pola Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia no que colabora o Concello de Cervo.

Nota de Prensa

O Concello de Cervo colabora coa Consellería de Traballo na súa organización

HOXE TIVERON LUGAR AS PROBAS DE SELECCIÓN PARA ELIXIR AOS PARTICIPANTES NO CURSO DE EBANISTERÍA

Cervo, 10 de marzo de 2010.- Hoxe tiveron lugar na aula de usos múltiples do Ecomuseo de Cervo as probas de selección dos 15 candidatos para participar no curso de ebanistería organizado pola Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia no que colabora o Concello de Cervo a través da súa concellería de Emprego.

Este curso, dirixido preferentemente a desempregados, ten previsto desenvolverse a partires da segunda quincena do presente mes de marzo. Nel inclúense varias unidades de competencia profesional e módulos formativos que totalizan 800 horas de duración. Será impartido de luns a venres en horario de mañá polo profesorado do Centro Ocupacional de Viveiro nas instalacións da antiga fundición de Sargadelos, ao contar este inmoble coa superficie e co acondicionamento axeitado para desenvolver as clases prácticas.

Segundo lembrou Yolanda Pedreira, concelleira de Emprego, o curso é froito dos contactos do Alcalde, Alfonso Villares, coa Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e da colaboración do departamento provincial da Consellería de Traballo e Benestar.

Esta acción formativa será dirixida pola Consellería de Traballo a través do seu Centro de Formación Ocupacional de Viveiro, quen disporá  dos medios –equipos, ferramentas e materiais- para o desenvolvemento dos contidos prácticos e teóricos, e dun  profesor da especialidade pertencente ao catálogo de Expertos-Docentes da Xunta de Galicia.

Pedreira adiantou que o Concello ten previsto potenciar a celebración deste tipo de cursos de carácter formativo dentro do termo municipal e salientou a labor feita neste eido por parte do grupo de Goberno municipal. “No noso concello existe dende hai anos unha fluída colaboración con entidades adicadas á formación coma é o caso do Forem e queremos continuar profundando nesa liña de rendibilizar esforzos con todos os actores implicados de cara a contribuír á formación dos nosos traballadores para que poidan superar a actual crise laboral mediante unha mellor preparación profesional e para que poidan competir no mercado laboral coas máximas garantías” indicou.

Exit mobile version