BURELA. O Concello de Burela programou dous días de actividades para celebrar o día internacional da muller. Hoxe luns día 8 ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura terá lugar a proxección dunha serie de curtametraxes O cine delas, que supoñen a visión do mundo desde a óptica feminina. Son seis curtas feitas por mulleres, tres galegas e tres madrileñas, que tratan sobre o mundo laboral, a prostitución, os problemas familiares, o mundo do cine e a identidade sexual.
Mañá martes 9 ás 19 horas no salón de plenos do Concello terá lugar a presentación de Memoria de muller, “trátase da experiencia de cinco mulleres de Burela coas novas tecnoloxías plasmadas en cinco videos. Esta iniciativa xurdiu dentro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información que funciona na Casa da Xuventude e cinco usuarias de Burela, que se achegaron casi por primeira vez a estas novas tecnoloxías da informática e do vídeo, plasmaron as súas vivencias e experiencias neste traballo”, segundo explicaba hai uns días a concelleira de Igualdade, Neves Cando.