A tenente de alcalde, Neves Cando, explicou que “este plan da Xunta afecta a máis do 7% da superficie total galega e na provincia de Lugo a 10 concellos, entre eles o de Burela. Esta proposta procede a ordenar á Galicia costeira sen atender ao modo peculiar no que os galegos e as galegas nos asentamos no litoral e especialmente naquelas zonas que non son de costa aberta, o que representa a maioría da costa galega, e fixa modalidades de asentamento que non se axustan á nosa realidade e tamén prohibe usos residencias e deixa fora de ordenación vivendas en áreas de territorio nas que nos instalamos desde hai centos de anos”.
A edil nacionalista engadiu que “as previsións da Consellería de ter aprobado este documento antes de finais de ano e de proceder á súa aprobación inicial ao longo do mes de maio indican a ausencia de vontade por parte da Xunta de Galicia de introducir modificacións substantivas que impidan a hipoteca dos nosos concellos”.
Cando subliñou que “Burela é un concello cunhas peculiaridades específicas, porque vese afectado por FEVE, por Costas, pola variante e polo futuro corredor da costa e agora con este POL vese hipotecada definitivamente para o seu desenvolvemento urbanístico, porque máis de 100 hectáreas van ter prohibidas todo tipo de construción residenciais. En zonas como A Marosa prohíbese a instalación de equipamentos deportivos pechados, co cal todos os terreos adquiridos alí polo Concello non poderán ser utilizados para un futuro complexo deportivo e tamén en Foxo, onde non se poderá construír ningún tipo de vivenda, como si se podería facer co plan sectorial do anterior goberno galego”.
A tenente de alcalde lembrou que “das aproximadamente 800 hectáreas que ten o noso concello este POL afecta en Burela a máis de 700 e desas 700 máis de 400 hectáreas sitúanse por enriba da franxa dos 500 metros, é dicir que agora a Xunta do PP incrementa de por vida esta afectación moi por enriba do estipulado polo anterior goberno que era de carácter provisional ata que se aprobaran os plans xerais nos Concellos”.
Neves Cando manifestou que “diante de todo isto o PP de Burela cala, nada dixo e nada di deste POL e de como afecta a Burela. Este xoves no pleno terá que pronunciarse e terá que explicarlles aos veciños e veciñas de Burela como zonas actuais do noso pobo en expansión urbanística como A Marosa, Vilar, Foxo ou Perdouro quedan hipotecadas urbanisticamente de maneira definitiva”.