Remedios López Villar lembrou que “o prezo da ración será de 4 euros para os ourizos cocidos e logo haberá mais degustacións de distintas variedades (revolto de ourizo, paté de ourizo, parfait de ourizo de mar e algas,espárragos recheos de caviar de ourizo, pementos recheos de ourizo, arroz con ourizo, croquetas..) na que cada restaurante variará o prezo segundo sexa o tempo de elaboración da tapa”. A edil socialista asegurou que “o Concello farase cargo da publicidade en prensa e radio e tamén da carteleira sen custe algún para o hostaleiro. Nesta ocasión non se fará ningún exemplar da colección Sabores do noso Mar xa que na anterior xornada gastronómica xa se editou un exemplar precisamente eloxiando a gastronomía da zona do ourizo, libro que se volverá a regalar polos bares que participen nestas xornadas para que os hostaleiros agasallen aos seus clientes e se animen a consumir e preparar receitas con produtos do noso peirao”.
A concelleira de Mar anunciou que “igual que no ano anterior repartiranse unhas papeletas polos restaurantes que terán que cubrir os comensais que desexen degustar o produto da xornada gastronómica e entre todas elas sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes de Burela que participan nesta cita e que será elexido polos afortunados no sorteo que se desenvolverá o 22 de marzo”.
Nas segundas xornadas gastronómicas do ourizo participan 17 hostaleiros: A Bodeguilla, Palacio de Cristal, Restaurante Os Remos, Restaurante O Sargo, Mesón Don Jamón, Mesón Carlos, Mesón O Poeta, Bar A Facenda, Bar Orxal, Mesón O Botafumeiros, Bar Trisquel, Mesón Hamilton, Cervecería Kiko, Parrillada A Marquesa, Parrillada de Jandro, Casa Miranda e O Rayo. Remedios López sinalou que “o meu departamento e o Concello traballan favorecendo o comercio e dando a coñecer os nosos produtos, todo de forma gratuíta para os interesados en participar nestas xornadas e repetíndoas ano tras ano intentando consolidalas e incrementar o número de participantes”.