BURELA (FNC) .- Burela acollerá esta fin de semana a derradeira concentración da preselección galega alevín feminina de baloncesto, antes de que ésta configure a súa lista definitiva para participar no campionato de España do vindeiro 27 de maio, segundo anunciou hoxe a concelleira de Deportes.
Neves Cando sinalou que “grazas á colaboración establecida entre o Concello de Burela e a Federación Galega de Baloncesto esta preselección desprazarase ata a vila para desenvolver unha fin de semana de intenso traballo no que se combinarán adestramentos e a disputa dun encontro que terá lugar o sábado ás 17 horas no pavillón dos institutos fronte a un combinado de xogadoras de Burela e de Foz”.
A edil nacionalista explicou que “as xogadoras galegas desta preselección alevín feminina de baloncesto, entre as que se atopan tres rapazas da provincia de Lugo, aproveitarán a súa estancia en Burela para preparar a cita do campionato de España do vindeiro 27 de maio, pero tamén a próximo cita oficial que terá lugar os días 20 e 21 de marzo en Miranda de Ebro”.
Centro de tecnificación itinerante
A concelleira de Deportes suliñou que “ademáis o domingo 14, aproveitando aquí a presenza destas xogadoras, a Delegación de Baloncesto de Lugo organiza en Burela a primeira das xornadas que se levarán a cabo nesta tempada 2009-2010 a través do seu centro de tecnificación itinerante. Trátase dunha actividade aberta a todas as xogadoras e xogadores infantís minis e preminis da zona da Mariña que desexan achegarse a Burela para traballar os fundamentos individuais e os distintos aspectos deste deporte do baloncesto”. A xornada de traballo desenvolveráse entre as 12 e as 14 horas do domingo tamén no pavillón dos institutos baixo a supervisión do director técnico da Delegación Lucense de Baloncesto, Óscar Engroba e estarán presentes, ademáis dos adestradores da zona, os seleccionadores galegos.