BARREIROS (FNC) .- O alcalde, Alfonso Fuente, participou en Lugo na sinatura dun convenio de colaboración con Sogama e coa Consellería de Medio Ambiente para a implantación en Barreiros duns programa de compostaxe doméstica. O obxectivo é reducir a produción de lixo e minorar custes ao Concello.
Fuente Parga manifestou que “hoxe firmamos catro Concellos: Barreiros, Lourenzá, Trabada e Alfoz un convenio con Sogama para volver a ser pioneiros en canto á reciclaxe. Trátase dun programa para facer compost e implicará a colocación duns 80 composteiros no noso municipio. Ademais se vai ir formando á xente para que poida ir facendo este compost que despois servirá de abono para as plantas. E digo que voltamos a ser pioneiros porque fomos dos primeiros na Mariña en clausurar os vertedoiros no seu momento, despois Barreiros acolleu unha ecoplanta ou planta de transferencia e agora inicia esta andadura no compost”.
O rexedor barreirense considera que “suporá unha formación medio ambiental máis correcta entre os nenos e entre toda que queira colaborar neste proxecto e ao mesmo tempo reduciremos a factura que desde o Concello lle pagamos a Sogama. Creo que todos son beneficios”.
Alfonso Fuente anunciou que “a partires da vindeira semana se ofrecerá información sobre este programa no Concello e uns cuestionarios que terán que ir cubrindo todas as persoas interesadas en participar e logo se dará unha charla para explicar que é a compostaxe. Ao longo deste mes e do vindeiro será cando se poida ir empezando con este proceso que non é colocar só un composteiro no xardín senón que hai que controlalo e ver si o compost se vai xerando correctamente”.