Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG que os veciños de Barreiros teñen que pagar as desfeitas, sexan beneficiarios ou non da actividade urbanística

Nota de Prensa

O BNG CONSIDERA QUE SON OS VECIÑOS DE BARREIROS OS QUE TEÑEN QUE PAGAR AS DESFEITAS REALIZADAS POR OUTROS, SEXAN BENEFICIARIOS OU NON DA ACTIVIDADE URBANÍSTICA. OS NACIONALISTAS VELARÁN POLO CUMPRIMENTO DO CONVENIO APROBADO HOXE EN PLENO.

Barreiros, 9 de marzo de 2010. O BNG considera que son os veciños de Barreiros os que teñen que pagar as desfeitas realizadas por outros, sexan beneficiarios ou non da actividade urbanística. Os nacionalistas velarán polo cumprimento do convenio, cuxo borrador foi aprobado hoxe nun pleno extraordinario e urxente o Concello.

Antonio Veiga asegurou que “nos colleu un pouco por sorpresa a convocatoria desta sesión porque todos os grupos da oposición tiñamos solicitado un pleno extraordinario para analizar a situación do convenio urbanístico e para ver cómo lle afecta o POL a Barreiros e ao futuro PXOM. Segundo dixo hoxe o alcalde ese pleno terá lugar o vindeiro 15 de marzo. Sorprendou a rapidez coa que levou a aprobación este convenio por parte do pleno despois de tanto tempo agardando por él”.

O portavoz do grupo municipal do BNG asegurou que “o Bloque tivo unha postura hai tres ou catro anos e o BNG segue a ter unha postura que cremos que é a que hai que defender si Barreiros quere ter un urbanismo sostible e un urbanismo que xenere recursos para todos e non para catro espabilados. Creo que ese debate se deu en Barreiros e se seguirá a dar porque a Xunta do bipartito dicía que non había servizos e procedía a unha paralización para correxir esta situación e a Xunta do PP díxolle o mesmo a Alfonso Fuente, non hai servizos e haberá que dotarse deles. ¿Cómo se fai? Con este convenio, esa é a proposta do PP, de 14 millóns de euros onde estarán os promotores sufragando a parte que lle corresponde ao Concello, agardamos que con máis sorte que co convenio da auga xa que a maioría se deron o piro e non se lles puido executar o aval, e tamén con aportacións da Xunta e da Deputación”.

A Veiga Outeiro non lle parece lóxico que “unhas institucións invistan cartos públicos para solucionar unha desfeita que outros provocaron. O argumento que usaba Alfonso Fuente no pleno dicindo que este convenio supoñía a inversión de 4.500 euros por habitante nós o rebatimos dicíndolle que será para determinados habitantes, xa que para os da zona sur non será así. Non sabemos cómo calculou esa media porque todos os servizos se van concentrar nesas catro parroquias, son para catro parroquias e non para todo o concello”. Desde o BNG consideran que “Barreiros despois deste convenio seguirá igual que hai 20 ou 30 anos, sin acceso ás novas tecnoloxías na zona sur, sen saneamento porque é o único concello de toda A Mariña que ten todas as zonas rurais sen saneamento, polo tanto o convenio non é para todos. Tampouco contempla o subministro eléctrico que é importantísimo”.

Os nacionalistas manteñen “e seguimos a defender que son os beneficiarios da actividade urbanística, como recolle a lei en moitos casos, os que deben dotar de servizos a esas zonas que pretenden desenvolver e eso non se lles pode cargar a todos os cidadáns. Todos os veciños estamos a pagar esa desfeita e por eso non puidemos votar de xeito favorable a esa proposta de convenio, ainda que entendemos que é a única saida posible. Outra cousa será ir vendo cómo se desenvolve o convenio, si se cumpren as anualidades e en qué condicións se van cumprir porque aquí chove sobre mollado e este Concello é referencia da chapuza en todos os sentidos”.

O BNG non refrendou, segundo Anotnio Veiga, “toda a política de desfeita urbanística que fixo o PP nestes anos e que ao final a temos que pagar todos os galegos e todos os barreirenses, teñamos ou non beneficios no campo urbanístico, imos todos no mesmo lote. Os da zona sur de Barreiros teñen que pagar os servizos aos da costa sen recibir nada a cambio, porque ese convenio váise pagar cos cartos de todos os contribuintes de Barreiros. Fomos o único grupo que non votou a favor deste convenio, nin tampouco en contra, pero o BNG foi o que puxo os puntos sobre as íes e quen seguiu defendendo o mesmo que hai tres ou catro anos e nesa liña de coherencia seguiremos a traballar para vixiar tamén polo cumprimento dese convenio”.

Exit mobile version