Nota de Prensa
REGO ENTENDE QUE OS PROMOTORES, ESPECIALMENTE OS QUE TEÑEN INMOBLES CONSTRUIDOS OU CON LICENCIA, PARA FACELO, DEFENDAN OS SEUS INTERESES NO CASO URBANÍSTICO DE BARREIROS (LUGO)
-O deputado socialista afirma que alguén terá que defender os de todos cando se pretende financiar con fondos públicos o intento de marbellizacion da costa de Lugo
– Sinala que so demanda a través da súa pregunta información sobre os obxectivos do convenio que se anuncia, e que a día de hoxe aínda non lle foi remitido, e advirte “a pesar de telo solicitado ao amparo do regulamento do Parlamento de Galicia”
Santiago , 12 de marzo de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego entende que os promotores, e especialmente os que teñen inmobles construídos, ou con licencia, para facelo, defendan os seus intereses no caso urbanístico de Barreiros. O deputado afirma tamén que alguén terá que defender os de todos cando se pretende financiar con fondos públicos o intento de marbellizacion da costa de Lugo.
Nesa liña lémbralle a Feijoo que todos servicios que agora se pretenden financiar cos impostos de tódolos cidadáns, a través da Xunta, deberían de contar con eles os solos nos que foron construídos os inmobles ou otorgadas as licenzas, segundo o previsto na Lexislación Urbanística de Galicia impulsada e aprobada polo Goberno do Partido Popular, da que sinalou Rego “formou parte o propio Núñez Feijoo”.
O deputado sinala que so demanda a través da súa pregunta información sobre os obxectivos do convenio que se anuncia, e que a día de hoxe aínda non lle foi remitido, e advirte “a pesar de telo solicitado ao amparo do regulamento do Parlamento de Galicia”. Ismael Rego advirte que non chega a poñer en cuestión, polo de agora, ningún dos seus apartados, pero di “que hai que analizalo no futuro tanto política coma xuridicamente, para delimitar as correspondentes responsabilidades de cada quen”, asegurou.