Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta recoñece como colección visitable a compilación etnográfica e de cerámica Regal-Xunqueira en Viveiro

SANTIAGO .- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pretende revalorizar unha mostra destacada da arqueoloxía industrial galega no ámbito dos curtidos e, pola súa vez, converter o complexo nunha plataforma de difusión da historia do proceso de elaboración da cerámica.

O Consello da Xunta recoñeceu, autorizou e cualificou como colección visitable a compilación etnográfica e de cerámica Regal-Xunqueira, que garantirá a permanencia dun proxecto innovador na recuperación do patrimonio industrial galego. Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pretende revalorizar unha mostra destacada da arqueoloxía industrial galega no ámbito dos curtidos e, pola súa vez, converter o complexo nunha plataforma de difusión da historia do proceso de elaboración da cerámica.

Este proxecto contribuirá a difundir unha das partes menos coñecidas actualmente do noso patrimonio cultural en todo o relacionado coa arqueoloxía industrial, creando un punto de referencia nunha futura rede centralizada en Sargadelos. Esta iniciativa é un elemento de vertebración na comunidade en que se insire, a Mariña de Lugo, por mesturar a tradición artesanal na elaboración de cerámica e a reación dunha plataforma de dinamización cultural. Deste xeito, búscase diversificar a oferta turística da comarca, permitindo desestacionalizar o turismo e achegar visitantes aos concellos do interior.

Os fondos do complexo son de tres tipos: fondos museográficos, (que inclúen dúas coleccións, a artística e a etnográfica), biblioteca especializada en arte e fondos documentais da antiga curtiduría. A colección artística dos fondos musegráficos está formada por obras pertencentes ás arts aplicadas (cerámica) e ás belas artes (debuxo, pintura, escultura…) expostas, na súa maior parte, no Centro de Arte Cerámica incluíndo moldes, matrices e estudos sobre a creación dalgunha das obras expostas. A colección etnográfica está formada por pezas procedentes da fábrica de curtidos expostas no antigo muíño e documentos da antiga curtiduría.

Con estes fondos téntase dar a coñecer, por unha banda, tanto a historia da fábrica de curtidos como o proceso industrial que se levaba a cabo, desde a materia prima que se utilizaba ata o produto elaborado, e por outra, o proceso de elaboración das pezas cerámicas.

Fábrica-museo

O complexo Regal-Xunqueira comprende unha área aproximada duns 2.140 metros cadrados distribuídos en diversas edificacións e dependencias, así como unha zona central dedicada a xardín. Nesta parcela desenvolveuse ata o ano 1962 a actividade industrial dunha fábrica de curtidos que chegou a ser a máis grande de Galicia.

Despois dunha intervención arquitectónica que permitiu tanto a rehabilitación total da parcela como a dos edificios que a compoñen, as antigas instalacións convertéronse nun complexo onde se mesturan a elaboración de pezas cerámicas e a actividade museística e cultural. Dentro do taller de cerámica están incluídos o obradoiro de pezas orixinais, o obradoiro de barros, de decoración e retocado, de xerigrafía, de invitados e bolseiros, fornos, secadoiro, almacén de moldes, almacén de serigrafía e de matrices. Xunto á area de cerámica está a área comercial que consta de tenda, oficina e almacéns.

As instalacións que abranguen a área cultural son o Centro de Interpretación da Fábrica de Curtidos, o Centro de Arte Cerámica Regal, unha biblioteca especializada en arte e cerámica, a editorial, sala de actos, sala de exposicións temporais, zona de exposición de escultura no xardín central, taller e residencia de bolseiros.

Exit mobile version